Cuarto aniversario do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA)

Tal día como hoxe, un venres 27 do ano 2013 ás seis da tarde, inaugurábase no Centro Cultural do Concello de Ponteceso, o Museo Etnolúdico en Galicia, baixo o acrónimo de MELGA. O que parecía un soño imposible de levar a cabo, despois de tantos anos de esforzo, traballo, dedicación e de moitos avatares e contratempos, hoxe mércores día 27 de setiembre de 2017, aquilo inimaxinable fíxose realidade e xa estamos a celebrar o CUARTO ano do noso nacemento, (que se di moi pronto e que moitos daban por un reto errado desde o primeiro momento). Nacía para Galicia e Ponteceso un pequeno, humilde e orixinal centro museístico lúdico-cultural, que a partir daquel momento, pasaba a ser un referente no mundo da historia dos xogos e os deportes tradicionais a través dos tempos.

A nosa existencia aínda é moi curta, pero hai que resaltar que se conseguiron moitos logros,  pero tamén aínda quedan moitos por cumprir. Creo que imos polo bo camiño, xa que cada día demóstrannolo todas as xentes de todas as idades e de grupos sociais, que pasan diariamente polo MELGA, levando o noso traballo divulgativo  a toda Galicia, España e a moitos países do mundo.

Ano tras ano, desde a súa inauguración, o museo foi crecendo en cada etapa progresivamente, alcanzando a súa cúspide máxima este ano de 2017, aínda sen finalizar, pois estamos a bater todos os records de participación cidadá, tanto en visitas como en actividades monográficas e festivales lúdicos. Inmensamente agradecidos polo apoio e colaboración de todos aqueles que nos visitaron, animándonos a continuar neste labor museístico, aínda que non podemos dicir o mesmo das institucións públicas, que como sempre, a CULTURA no noso país galego, por desgraza, é o parente pobre e abandonado da sociedade actual.

Felicidades á Fundación Ricardo Pérez e Verdes e ao seu Padroado, así como ao MELGA por regalarnos este últimos catro anos de coñecementos, recordos e sabedoría popular, a través do Patrimonio  Cultural-Lúdico-Inmaterial de Galicia. Que sexa por moitos anos máis!

Leave A Comment