Un cento de participantes no XI Aberto de Billa de Ponteceso

Record! Nun día espléndido de domingo para o desenvolvemento do noso deporte ancestral da Billa billarda/ estornela), desenvolveuse no campo exterior do Centro Cultural de Ponteceso, onde está situado o Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA), a XI Aberto de Billa de Ponteceso e ao mesmo tempo aproveitando a mesma, a IV xornada da liga Atlántica de Billarda.

Despois de case dous anos sen o evento pola pandemia, esta xornada é a primeira actividade que a Fundación Ricardo Pérez e Verdes organiza este ano 21. Supoñemos que as ganas de sacar os palanes e as billas ao campo, desbordaron aos organizadores a convocatoria lúdico-deportiva, xa que mais dun centenar de “ billardeiros” citáronse para concursar nun evento referente na vila pondaliana. A organización correu, como anos anteriores, pola Fundación, o MELGA, a Confederación Noroeste de Billarda e o concello de Ponteceso.

 

 

Non só houbo competición, senón tamén, a maioría dos participantes e acompañantes, desenvolveron antes do encontro oficial, houbo unha visita guiada ao museo (os que non o coñecían e outros que repetiron) da man do noso director, que tivo unha duración de case dúas horas.

A sesión competitiva comezou ás 11, 00 h. e finalizou sobre as 15,30 h. case sete horas de cultura e xogo. O torneo desenvolveuse en dous grupos que por eliminatorias, semifinais e finais obtivéronse os campións das diferentes categorías. Como novidade viñeron participantes das Rías Baixas ( Sansenxo, Vigo), Ferrol, Ribadeo (Lugo), Somozas, ademais de Melide, Cerceda, Cabana, Laracha, Paoisaco, Malpica, Laxe, A Coruña, As Pontes de García Rodriguez, etc. Desexo destacar, aínda que pareza incrible, Ponteceso non achegou ningún xogador ao campionato. Parécenos sinceramente lamentable, que a nosa infancia, mocidade ou senectude, non estea predisposta a representar ao noso pobo con orgullo, nunha actividade que só se organiza para beneficio da nosa xente. Tampouco ningún representante institucional fixo aparición na mesma. Francamente é desolador!

Os podium desta edición, que fai xa a número once, foron para os seguintes vencedores. Na rama masculina categoría absoluta foi campión Xosé Collazo do equipo Campo da Feira de Paiosaco; o subcampión foi para Xan Rodiño Lua de Forza de Sansenxo (Pontevedra) e terceiro clasificado para Antonio Viqueira do equipo Cochikeiros de Cerceda. Na rama feminina en categoría absoluta, o campionato foi para Marisa Casas do club Lúa de Forza de Sansenxo, o segundo para Auri Caamaño de Campo dá Feira de Paiosaco e terceira para Sonia García de Cochikeiros do club. Na categoría mixta infantil o campión foi para Abel Ponche de Campo da Feira de Paiosaco, o subcampión para Mickos Fontán de Filloas A Coruña e o terceiro clasificado para Lucas Varela Campo dá Feira de Paiosaco. O campión por equipos, outra vez mais, o ouro foi para o equipo de Campo da Feira de Paiosaco, a prata Cochikeiros de Cerceda e o bronce para A. P. B. de Laracha. Todos os vencedores recibiron os seus senllos trofeos, entregados nesta ocasión polo xerente da Fundación Eduardo Pondal José María Varela.

 

 

Como acto final da xornada fíxoselle unha pequena homenaxe a don Jesús Andrade Pérez, natural de Ponteceso, un “ billardeiro ata a medula”, que aínda que coa súa delicada saúde, presenciou toda a xornada e ao finalizar a mesma, recibiu da calor de todos os participantes, do seu equipo e da confederación, un obsequio consistente nunha torre de Hércules realizada en madeira polo artesán e xogador de billa José Gándara, que lle fixo a entrega correpondiente. Ricardo Pérez e Verdes, en representación das nosas entidades fíxolle entrega dunha placa conmemorativa, en con o texto seguinte: “A FUNDACIÓN RICARDO PÉREZ E VERDES E O MUSEO ETNOLÚDICO DE GALICIA ( MELGA) A JESUS ANDRADE PÉREZ en agradecemento pola súa plena e desinteresada entrega ás nosas institucións en prol do xogo e o deporte tradicional e en recoñecemento aos altos valores humanos que sabe sempre transmitirnos” Ponteceso 23 maio 2021.

Como broche final, o director do museo, fixo entrega a todos os participantes asistente, en agradecemento á súa colaboración, dun “ pin” conmemorativo, que representaba a un xogador de billarda realizando un golpeo.

Un rotundo éxito nunha xornada memorable e lembrada seguramente en moito tempo!

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.