Visita oficial da Fundación e o Melga á Secretaría Xeral para o Deporte

O Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia don JOSÉ RAMÓN LETE LASA (PP), tivo a ben o recibir no seu despacho de Santiago de Compostela, en visita oficial, este luns 9 de maio, ao presidente da nosa Fundación e director do MELGA, Ricardo Pérez e Verdes.

A reunión mantida ao longo de toda a mañá foi motivada, como devolución da visita de cortesía que efectuara, fai algunhas datas (14 de marzo-16), o secretario xeral para ou deporte ao noso humilde e orixinal Museo Etnolúdico de Galicia, sito no concello de Ponteceso. Os puntos tratados, con carácter informativo, foron: agradecerlle persoalmente a deferencia que tivo, aínda que fóra de sorpresa, en visitar o Museo Etnolúdico de Galicia; futuras firmas de convenios de investigación, promoción e divulgación, entre a Fundación e a Secretaría Xeral para o Deporte, sobre o mundo lúdico; os programas levadas a cabo durante o exercicio de 2015 pola Fundación e o MELGA; as 33 actividades a desenvolver neste recentemente iniciado 2016; información das últimas viaxes internacionais representando a Galicia e ás nosas entidades(Tunes, Bragança e a Garda); o Manifesto de Verona-15; a Futura Escola de Técnicos e Monitores de Xogos e Deportes Tradicionais; Centro de Documentación sobre a historia do xogo e o deporte e, finalmente, trasladóuselle a información detallada da cita máis importante que terá Galicia e especificamente a provincia da Coruña, o próximo ano de 2017, sobre a Asemblea Europea da AEJDT, Congreso Internacional sobre o Ludismo e o Festival Europeo de Xogos e Deportes Tradicionais no Camiño de Santiago, da cal será sede o MELGA do Concello de Ponteceso (Asemblea-Festival Escolar), a cidade da Coruña(Congreso-Festival) e posiblemente a capital galega de Santiago de Compostela(Congreso-Festival). A metade de mañá incorporouse á reunión, o xerente da Fundación Deporte Galego, don JAVIER RICO DÍAZ.

As conversacións mantidas tiveron algunhas cuestións con efecto moi positivo, entre as que podemos destacar: a visita oficial, en próximas datas, ao MELGA de todo o departamento técnico da Secretaría Xeral, realizando unha reunión no propio museo, de todo o persoal, para potenciar e difundir o Museo Etnolúdico de Galicia, no cal estarían convidados á mesma, os representantes das concellerías de Cultura, Educación, Política Lingüistica e Turismo. E o punto máis importante que se tratou en profundidade foi, a posta en marcha da planificación e organización do magno evento que terá Galicia e a provincia da Coruña en especial, sobre a Asemblea Europea da AEJDT, Congreso Internacional e o Festival de Xogos e Deportes Tradicionais no Camiño de Santiago, cuxa organización recaerá na nosa Fundación e o MELGA.

Como dixo o presidente da Fundación:

 Foi unha reunión moi frutífera e con visos ilusionantes de poder chegar ao fin do que todos os galegos propoñémonos nun futuro, que Galicia sexa un referente mundial en canto ao Patrimonio cultural, lúdico, museístico e inmaterial da Humanidade

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.