Visítanos o Director do Museo de Xogos Tradicionáis da Comunidade de Castela e León

No día de onte 30 de outubro, en xornada matinal, sentimos un inmenso pracer ao recibir ao entrañable amigo e colega Carlos da Villa, director do museo de Xogos e Deportes Tradicionais da Comunidade de Castela-León e presidente da Asociación Cultural “A Tangilla”, situadas ambas as entidades no municipio de Aranda de Douro (Burgos), vindo especificamente para visitar as nosas instalacións do Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA) de Ponteceso, e deste xeito realizar unha visita guiada ao mesmo. Carlos da Villa veu acompañado pola súa esposa Mercedes ( Merchi) González, educadora e especialista en xogos e deportes tradicionais.

Despois de varios anos tentando coñecer o MELGA, por fin, a mañá de onte venres dedicárona integramente “ in person” ao noso museo pontecesán e ao mesmo tempo saudarnos. Fora un compromiso tácito entre ambos, levado a cabo este mes de outubro do presente ano, cando compartimos o VII Encontro Internacional de Xogos e Deportes Tradicionais e o XXV Aniversario da creación da Asociación Cultural “A Tanguilla, para así devolver a visita que nós fixeramos ao seu museo nas devanditas datas. Compromiso cumprido e devolución de visita.

Con máis de catro de horas de intercambio de coñecementos históricos-lúdicos-práxicos, a visita resultounos curta, aínda que xa nos emprazamos para dentro duns meses, para realizar unha exposición sobre cartografía e filatelia e unhas xornadas teórico-prácticas sobre xogos de taboleiro, mesa, enxeño, de taberna e de salón.

Despois da visita, Carlos da Vila e a súa esposa asinaron no Libro de Ouro dedicándonos unhas palabras sobre a súa estancia no museo, comentando:

Sempre é un pracer escoitar a Ricardo contarnos con paixón a importancia de conservar e promocionar a cultura tradicional. E se encima estas leccións de sabedoría teñen lugar no marco incomparable do museo MELGA, a experiencia convértese en algo inesquecible. Parabén por este traballo impagable en prol da cultura. Grazas.

Despois de finalizada a firma, houbo intercambio de agasallos e por parte de Carlos e Mechi fixeron entrega ao noso director Ricardo Pérez e Verdes, de tres xogos antigos de cerámica, o patolli (azteca), o Komikan (inca) e un Ard Ri (viquingo), realizados por ceramistas artesáns da comunidade autónoma. Proximamente estarán expostos nas nosas vitrinas do museo.

A continuación o director do MELGA fixo de anfitrión dos ilustres visitantes, acompañándolles polo Monte Blanco, Corme, Roncudo e praia de Balarés. Despois de degustar as exquisiteces gastronómicas da terra, despedíronse da nosa terra poñendo cara á cidade de Santiago para deleitarse, durante estos días, da marabillosa catedral, museos, pazos e arredores.

Unha xornada moi especial, en compañía do noso amigos, Carlos e Merchi, esperando que este intercambio máis, sigua por bo camiño e a mutua colaboración entre ambos os museos, sexa no futuro permanente e continuo, estou seguro, que así será. Inmensamente agradecidos pola vosa compañía e por ser divulgadores do noso MELGA, polas terras castelás-leonesas.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.