Xornada completa: Intercambio Erasmus, Entroidos e Festival de Xogos e Deportes Tradicionáis

A xornada matinal deste primeiro día de marzo, o MELGA trasladouse a Betanzos, ao colexio CPR. Plurilingüe Nosa Señora do Carmen, para realizar unha actividade moi especial coa totalidade dos alumnos e alumnas e profesores/ as do centro educativo, alcanzando mais de catrocentos participantes. A excelente coordinación da xornada correu a cargo da profesora Cristina Martínez Seijo (Disfraces), de Juan González Parga (Erasmus) e Francisco Javier Varela Rodríguez (Educación Física). O especial foi que confluíron tres actividades ao mesmo tempo. Primeiramente correspondeu á festa de disfraces de Entroido, un intercambio Erasmus con alumnos de Italia (Istituto Comprensivo Folgaria Lavarone Luserna), Polonia (Ridala Pöhikool) y Austria (NMS de Haiming) e finalmente co Festival de Xogos e Deportes Tradicionais Galegos.

Como era de supoñer a actividade central da mañá, de 10,00 h. a 14,00 h. foron os xogos e deportes tradicionais galegos que o MELGA presentaba e organizaba nas instalacións do centro escolar, ximnasio, patios externos e soportais do mesmo. Non faltaron para os maiores, a recollida de mazorcas; o pau; a ra; a tumba galega; forza a unha man; as varas; carretas, carros e carrilanas; o zurriagazo e a carreira de toneles. Para os máis pequenos a ra; o equilibrio con culler e ovo; os birlos; carreira de tartarugas e o xogo da estrela.

 

CPR. Plurilingüe Nuestra Señora del Carmen no Melga

 

A maioría do alumnado e moitos profesores “disfrazados” participaron dos xogos, aínda que as súas indumentarias non fosen moi adecuadas para a ocasión. O grupo de alumnos/ as italos-polacos-austríacos, que se achegaban ao medio centenar, realizaron con moita intensidade os xogos programados para os maiores, alcanzando un nivel moi superior aos alumnos/ as do centro. A sesión masculina terminou cun “enfrontamento” internacional entre Galicia, Italia, Polonia e Austria, cuxo resultado final foi de 2 a 7 para os amigos visitantes estranxeiros. En canto á rama feminina tampouco nos foi favorable, aínda que estiveron máis igualado os encontros, o resultado final foi de 3 a 6.

Os xogos para maiores que máis aceptación tiveron, tanto para o grupo convidado de Erasmus como para os nosos colexiais foron os seguintes: carretas, carros e carrilanas; carreira de toneles; o pau; Forza a unha man e tumba galega. Para os pequenos os birlos; o equilibrio con culler e ovo e a carreira de tartarugas, foron os que máis interese demostraron. Finalizado a sesión lúdico-festiva fíxose a entrega das medallas de ouro, prata e bronce aos campións de cada ciclo, infantil, primaria e secundaria.

Unha sesión que todos os participantes, galegos, italianos, polacos e austríacos, puideron gozar e practicar dunha mañá distinta e non rutineira, con xogos descoñecidos, mentres os profesores invitados, non deixaban de filmar os mesmos, para presentalos seguramente nos seus países de orixe.

Foi a primeira vez que o noso museo participaba nunha “Xornada Internacional Carnavalesca de Xogos e Deportes Tradicionais Galegos”. Outra experiencia positiva onde a alegría, a festa, o lúdico, o competitivo, a tradición e a confraternidade estiveron presentes.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.