Irmandamento museístico: de Aranda de Douro (Burgos) a Ponteceso (A Coruña)

O venres pasado día 20 de xullo tivemos a sorte de recibir, a un entrañable amigo e colega, Gregorio ( Goyo) Cámara, co-director do museo homónimo de Aranda de Douro (Burgos) de Xogos e Deportes Tradicionais do municipio arandino, nas nosas instalacións do Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA) para realizar unha visita ao mesmo, acompañado pola súa dona Esperanza Fernández, bibliotecaria do concello e da súa filla Aitana. Despois de varias xornadas turísticas realizadas pola Costa da Morte, a mañá de onte venres, reservárona para achegarse ao MELGA para saudarnos e ao mesmo tempo coñecer “in situ” o noso museo pontecesán. Fora un compromiso tácito entre ambos, levado a cabo no mes de abril do presente ano, cando compartimos o Encontro Internacional de Xogos e Deportes Tradicionais en Aranda para así devolver a visita que nós fixeramos ao seu museo nas devanditas datas. Compromiso cumprido e devolución de visita.

 

Con máis de catro de horas de intercambio de coñecementos históricos-lúdicos- práxicos, a visita resultounos curta, aínda que xa nos emprazamos para dentro duns meses, cando cumpramos o V aniversario da nosa posta de longo na sociedade galega, que cursaremos a invitación para recibilos de novo.

 

Despois da visita, Goyo Cámara asinou no libro de Ouro dedicándonos unhas palabras sobre a súa estancia no museo, comentando: “O que máis me impresionou do museo é a cantidade de experiencias que nos transmitiches no seu percorrido tanto dos xogos e deportes tradicionais, como da historia e orixe destes xogos na historia da Humanidade. Toda unha vida laboral e persoal recollida nos distintos elementos e vitrinas do museo. Lembraremos sempre este día polas vivencias e sentimentos recibidos”

 

A continuación o director do MELGA fixo de anfitrión dos ilustres visitantes, acompañándolles polo Monte Branco, Corme, Roncudo e praia de Balarés. Despois de degustar as exquisiteces gastronómicas da terra, despedíronse da nosa terra poñendo cara á cidade de Lugo para deleitarse da gran muralla lucense, catedral, museos  e arredores.

 

Unha xornada especial en compañía dos nosos amigos, Goyo, Esperanza e Aitana, esperando que este intercambio iniciado, sigua polo bo camiño e a mutua colaboración entre ambos museos, sexa no futuro permanente e continuo, estou seguro, que así será. Inmensamente agradecidos pola vosa compañía e por ser divulgadores do noso MELGA, polas terras castelans-leonesas.

Leave A Comment

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.