O Melga único representante de Galicia en Palma de Mallorca na reunión europea dos Xogos e Deportes Tradicionáis

Este fin de semana do 27 ao 30 do presente mes de outubro, o presidente e director da Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), desprazouse ás Illas Baleares (Palma de Mallorca), como único representante de Galicia, xa que Brinquedia e a Asociación Galega de Xogos e Deportes Tradicionais desculparon a súa ausencia, en asistir á Asemblea Xeral da Asociación Europea, ao Coloquio Internacional e ao Festival  Europeo de Xogos e Deportes Tradicionais.

A estancia na cidade balear tivo, ademais dos tres apartados arriba mencionados, outros ingredientes sociais como encontros culturais, institucionais, gastronómicos e lúdico-deportivos, que iremos detallando cada un dos mesmos a continuación.

No primeiro apartado que correspondía á Asemblea Ordinaria da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, o punto máis importante sen dúbida foi, as Eleccións ao Consello de Administración da Asociación e ao mesmo tempo a elección do novo Presidente da entidade, xa que Guy  Jaouen de Bretaña (Francia), despois de 16 anos na presidencia, cedía o paso a Pere Lavega Burgés (España) como novo presidente da Asociación Europea por un período de 4 anos. Os dezaseis conselleiros de administración saídos das urnas representaban aos países de Italia (3), Croacia (1), Portugal (1), Francia (2), Romanía (1) e España (8). Outros puntos tratados foron: a nova sede da Asociación Europea que se situará no Forte da Almunia de Dona Godina (Zaragoza); preséntanse os novos membros da asociación Federación Francesa de Boulles de París (Francia), Federación de Palla a Punho de Verona (Italia), Fundación Birlos Cantabria (España) e Ethnosport (Rusia); Convenio AEJDT e a UNESCO para a promoción dos xogos e deportes tradicionais; Bases de datos e plan estratéxico 2018; Nomeamentos de presidentes de Honra a Erik de Vroede (Bélxica), Guy Jaouen (Francia), Dino Berti (Italia) e Jacques Regourd (Francia) polas súas traxectorias durante a totalidade dos 16 anos da Asociación Europea; presentación da próxima Asemblea, Congreso e Festival de 2018 que se desenvolverá do 6 ao 8 de xullo, nas cidades de Mechelen-Bruxelas (Bélxica) no museo Sportinum; proposta de candidaturas para o encontro do 2019, que foron as cidades de Val d´Aosta (Italia) e Ponteceso-A Coruña (España), ambas as sedes sen poder aprobarse ata o ano que vén, cando se realicen as oportunas conversacións coas institucións públicas de ambos os países . Quedou deserta a Reunión de Inverno de 2017-18. 

Con respecto ao Coloquio Internacional de carácter científico, realizouse en tres apartados diferenciados; o primeiro (LOCAL) correspondeu aos traballos de investigación sobre os xogos tradicionais en especial o Tir de Fona (Tiro de Fonda) nas Illas Baleares; o segundo (EUROPEO)  traballos en Rede nos Proxectos Europeos de Francia (PEJT) , de España  (BRIDGE) e de Italia (TRADWOC) e o terceiro (UNIVERSAL) os xogos e deportes tradicionais en distintas rexións europeas e mundiais.

En canto ao Festival de Xogos e Deportes Tradicionais estiveron situados os xogos e deportes máis representativos de cada rexión de Europa, preto dun centenar e maís de cincocentos xugadores/as, no marco incomparable do Parc da Mar (Xunto á Catedral de Palma), onde tanto os xogadores como os espectadores realizaron práctica sobre os xogos e deportes presentados ao público en xeral. Non faltaron o tir de fona (Campionato de tiro de fonda individual con pelota de goma), xogos de taboleiros, birlos, fiolet, rulotta, morra, tanguilla, sete e media, palets, loitas, xogos de pelota, tirachinas, etc. e por Galicia (España), achegamos  o xogo do bixo.

Todos os compoñentes da Asociación Europea,  fomos recibidos polo alcalde de Palma Antoni Noguera e algún dos seus concelleiros, nunha cerimonia de benvida no Palacio Real, así mesmo fixo o propio o alcalde da vila de Sóller Jaume Servera. A visita turística, a 35 quilómetros de Palma, foi nun tren de madeira restaurado de principios do século XX (1913) e completouse a tarde cunha visita ao Museo do Ferrocarril onde se atopaba unha exposición estable e magnífica sobre algunhas obras pictóricas e de cerámica de Pablo Picasso e Joan Miró. Percorrido polo porto náutico marítimo, a igrexa-catedral de Sant Bartomeu, as rúas estreitas de Sóller e finalmente completouse a xornada cunha tirada de tiro de fonda con pedras por equipos, no campo de fútbol municipal, cun total de vinte equipos de Mallorca, Eivissa, Formentera, Menorca e Cabrera, que disputaron a Copa Anual do Consello Insular das Illas Baleares, acompañada dunha cea fría cos sabores típicos da terra (sobrasadas, butifarra, ensaimadas, aceite, mandarinas, etc..).

Podemos comentar que a organización deste encontro anual da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, como moi ben saben todos, debería ser Ponteceso e A Coruña como sede organizadora (concedida desde o 2015) e por motivos institucionais non se puido levar a cabo, a suplente sede a illa de Mallorca, foi unha das mellores sedes neste último decenio, tanto en organización, infraestruturas, participación, aloxamento, instalacións  e apoio institucional constante do goberno autonómico, iso é ter visión turística e cultural dunha terra.

Só quédanos felicitar a Pep Ribas, presidente da federación de Tir de Fona, que tivo a ben o suplir a Galicia na organización deste evento, de magnitude internacional, pola súa dedicación constante, para que todo saíse á perfección. Gratitude e Parabén.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.