O Melga desprázase ao CEIP. Labarta Pose de Baio para celebrar con todo o alumnado o día do peón 2018

O Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA), desprazouse onte mércores día 14 de novembro, ao CEIP. Labarta Pose da localidade de Baio (A Coruña) para realizar por primeira vez nas súas instalacións, o I Festival do Día do Peón con motivo da celebración do San Martiño patrón de todos os “ peonceiros”. A idea de trasladar ao centro docente dita actividade cultural e lúdica foi promocionada pola dirección do centro, así como da súa profesora de educación física Marta Cantó.

 

A sesión constaba de tres apartados, é dicir, en primeiro lugar o director do museo fixo unha revisión histórica das orixes do peón, así como a explicación de xogos variados co devandito elemento, as partes que se compón un peón, modalidades, confección, etc. a través dun power point. O segundo apartado os alumnos levaron a cabo un taller de peonzas, trompos, perinolas e perindolas, con diferentes materiais como bugallos, landras, cds, plastilina, rotuladores, etc.. expoñendo a continuación os traballos elaborados e finalmente no patio do centro lanzáronse as peonzas ao chan con diferentes trucos.

O Melga desprázase ao CEIP. Labarta Pose de Baio para celebrar con todo o alumnado o día do peón 2018

Despois de pasar por estes tres mini-sesións cada ciclo de alumnos e alumnas, ás 12 en punto da mañá leuse, por parte do profesor-tutor José Manuel Madera, o manifesto do Día do Peón, do autor Luís Antonio Giadás Vázquez, titulado “Poemas sobre a buxaina”, con todos os alumnos de ensino infantil e primario. A continuación cantouse a canción de “Coma ou trompo” do grupo Ourensons e seguidamente tentouse, por parte de todos os nenos e nenas de primaria, bater o record de peonzas bailando ao mesmo tempo, cuestión que despois de varios intentos (o máximo foi de 21), por tanto, non chegaron a superar a marca efectuada o domingo pasado no MELGA con 43 pezas virando sen parar.

 

Como remate final do festival, Ricardo Pérez e Verdes reuniu a todos os nenos e nenas de ensino infantil (3 a 5 anos) nunha aula e o director do MELGA expuxo, unha pequena selección da súa colección privada de peonzas, trompos, perinolas e perindolas, poñéndoas a bailar de diferentes maneiras, co asombro duns espectadores “ alucinados” co que alí estaban a ver.

 

Hai que destacar que todos os alumnos/ as do centro escolar (preto de douscentos) portaron, unha ou dúas peonzas artesanais de madeira, pois unha servía para decorala ou “ tunearla” no taller e outra para aprender a tirar o peón. Destacar a magnífica colaboración de todo o profesorado, que en todo momento axudaron aos monitores e aos seus alumnos/ as a levar a xornada en perfecta harmonía e organización. Despois de catro horas de sesión lúdico-festiva, clausurouse o Día de San Martiño, coa esperanza posta xa no novo ano 2019 e tendo presente que hai que adestrar moito para lograr os éxitos que desexemos conseguir. Esperamos que desta canteira tan grande sairá, estamos seguros, algún campión.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.