Varios centos de turistas visitan o Melga coa ocasión da Semana Santa

Moitos madrileños, pontevedreses, lucenses e coruñeses pasaron nestes días de asueto por Ponteceso e máis en concreto polas instalacións do Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA), para visitalo e pasar unhas horas de esparexemento e coñecemento cultural e lúdico nestas mini-vacacións de Semana Santa. Outros lugares de procedencia, ademais das cidades anteriormente ditas, foron: Luarca (Asturias), Plasencia (Cáceres), Ponferrada (Castela-León), Donosti ( Vascongadas), Madrid (Alcalá de Henares, Alcorcón, Leganés, Collado- Villaba), Pontevedra (Cangas do Morrazo, Tomiño, Vilargacía de Arousa, Tuy, Vigo), A Coruña (Corme, Ferrol, Cedeira, Carballo, Camariñas, Porto do Son, Malpica, Laxe), Xerez ( Cadiz), Lugo (Vilalba, Muimenta, Rábade, Riotorto) e Vagos – Aveiro da veciña Portugal. A máxima afluencia de público foronas tardes do xoves, venres e sábado santo, enchendo por momentos as salas do museo e en varias ocasións tívose que realizar, no canto de visitas persoais como estaba previsto, en percorridos guiados para grupos específicos.

 

Entre as curiosidades que puidemos obter das devanditas xornadas foron as seguintes: unha alumna da Facultade de Educación da Coruña, aproveitou as súas tardes libres, para achegarse ao MELGA e facer un traballo de fin de grao sobre o mundo castrexo (prehistoria) e o mundo romano, a través das actividades lúdicas e deportivas.

 

Outra curiosidade foi que moitos dos asistentes, sobre todo nenos e nenas, viñan acompañados dos seus pais, avós , irmáns e amigos, pero o singular era que se achegaban ao museo incitados polos seus propios fillos para que nos visitasen, pois eles xa viñeran cos seus respectivos colexios e desexaban repetir de novo, polo ben que o pasaban na visita anterior e así llo querían transmitir aos seus familiares.

 

Tamén visitounos o Educador Social e Monitor Nacional da Federación Galega e Española de Xadrez Eduardo Dopico Prego e a súa familia, para gozar dunha sesión histórica sobre os xogos de taboleiro no mundo, pero en especial os xogos asiáticos e por encima de todos o xadrez. Ao final do intercambio de coñecementos co director do MELGA, Eduardo tivo a deferencia de facernos unha doazón para os fondos da Fundación Ricardo Pérez e Verdes, que serán de inmediato expostos nas vitrinas do museo, consistente nun marabilloso xadrez de mármore (clásico) e un xangqi chinés (xadrez chinés). Prometeu, así mesmo que en próximas semanas, sumaría ao xa doado, outros xogos de taboleiros asiáticos (xaponeses, indochinos, coreanos, hindús, etc.) e unha ampla colección de libros relacionados co xadrez e cos xogos de taboleiro e fichas.

 

Visitas ao Melga en Semana Santa

 

A gran sorpresa, do sábado pola tarde, foi a inesperada visita dos meus colegas portugueses, directores do Museo do Brincar, de Vagos-Aveiro (Portugal), os esposos Joaquim Carlos Rocha e Ana Barros, acompañando á súa filla Inés, que tiveron a amabilidade de achegarse a Ponteceso para visitarnos, como devolución de visita que o director do MELGA realizáralles no mes de xuño do 2017 á devandita localidade para realizar un intercambio co Museo do Brinquedo Portugués de Ponte de Lima (Portugal). Unha tarde museística ao completo, intercambiando pareceres e opinións sobre as nosas paixóns sobre a cultura do mundo do xogo e o deporte tradicional e popular. Máis de cinco horas de visita guiada, que deron para pouco, xa que os amigos visitantes, non deixaban de solicitar información ao director do MELGA, así como comentar a orixinalidade do mesmo e abrigo satisfíxolles a distribución das salas e a taxonomía exposta para a súa visualización.

Debemos pensar que os dous museos son moi diferentes na súa funcionalidade e obxectivos, mentres o de Vagos-Aveiro é puramente divertimento moderno moi interactivo, especialmente con alta tecnoloxía, aínda que existe xogos e xoguetes tradicionais, música, baile, teatro-monicreques-marionetas-máscaras, etc. O MELGA pola contra, é a historia viva dos xogos e deportes (tradicionais-modernos-populares) a través dos tempos. Aínda que en verdade, como di Joaquim “os dous museos teñen moitas similitudes, a ludicidad, o xogo,…e que non convertemos o noso espazo para a cuestión do deporte, pero creo que ambos nos preocupamos na preservación do xogo como construtor de personalidades”, do cal non podemos estar máis de acordo. Por iso, o asombro e satisfacción por parte de Ana e Joaquim, era máximo, en moitas ocasións saíron das súas bocas as palabra Fantástico! Magnífico! Sensacional! Finalmente asinaron no Libro de Ouro do museo, dedicándonos a frase seguinte: “Grazas Ricardo. Unha tarde marabillosa onde tanto aprendemos. Ana e Joaquim. Directores do Museo do Brincar Vagos- Aveiro (Portugal)”

Leave A Comment

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.