A Fundación Ricardo Pérez y Verdes e o MELGA adquiren unha réplica inventada polo xenial Leonardo da Vinci

No día de onte, martes día 15 de agosto de 2022, a Fundación Ricardo Pérez y Verdes, logo de innumerables intentos, adquiriu para os seus fondos museísticos unha réplica exacta do bosquexo da primeira draisiana (bicicleta) creada e ideada por Leonardo da Vinci, alá polo ano 1480, no inicio do noso renacemento europeo. Dita peza foi deseñada polo noso «home xenio» (en madeira), ensamblando e encaixando tódalas pezas da bicicleta milimétricamente para o seu perfecto funcionamento. Aínda que non tivo moita aceptación no seu tempo, hoxe en día debémoslle a este pequeno artefacto, como un dos transportes terrestres mais cotiáns da nosa era.

Despois de moitas investigacións, o noso director, conseguiu localizar a don Luis Emilio Gambero, un gran carpinteiro e ebanista de profesión, propietario da empresa «Artesanos del Altillo», situada na localidade de Calpe da provincia de Alacante. O primeiro contacto con este artesán de Ricardo Pérez foi realizada a través do seu fillo Emiliano Gambero, que se atopaba na Coruña, presentando as súas obras de madeira, nunha das casetas na praza de María Pita, durante a «Feira das Marabillas». A draisiana atopábase exposta no recinto feiral como reclamo e exhibición, pero por suposto, non á venda, por ser unha peza da colección privada do seu pai.

Emilio Gambero é un dos mellores especialistas e estudosos en Leonardo dá Vinci, pois posúe unha colección ampla da maioría dos inventos realizados por este portento creativo como foi Leonardo. Na súa colección non falta o helicóptero, máquina de guerra, ballesta xigante, paracaídas, máquina voadora, reloxo, vehículo blindado, equipo de mergullo, ponte giratorio, guindastre xiratorio, bicicleta, etc. Réplicas en madeira (como as confeccionadas por da Vinci) e elaboradas minuciosamente e maxistralmente por don Emilio, baixo o estudo dos planos e bosquexos do noso gran artista polímata florentino.

Posto en contacto co artesán alacantino, coa introdución do seu fillo Emiliano e segundo coméntanos «un paxariño», o de dona Inés Vitoria Dallacamina, esposa do mesmo tivo moito que ver na decisión final pois, con inmensa xenerosidade e sabendo que viña para o noso Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), aceptou a nosa proposta para desprenderse desta peza da súa colección, sabendo da gran dor que lle ía a causar, cuestión que soubemos valorar pola súa magnanimidade e que agradecemos persoalmente. Nestes momentos estamos a preparar, dentro da nosa vitrinas expositivas, un lugar preferente para esta «xoia» que engrandecerá, sen dúbida, o noso modesto museo pontecesano. Todos os interesados que o desexen, proximamente, poderán observar dita peza na segunda sala do museo, na etapa que lle corresponde como é o Renacemento.

Queremos anunciar como primicia que, posiblemente, a colección ao completo de don Emilio Gambero poderase admirar o ano entrante 2023 nunha gran Exposición no MELGA con motivo do noso DÉCIMO ANIVERSARIO da institución.

Cremos que este é un GRAN DÍA, sobre todo para a nosa Fundación e o MELGA, por adquirir con moito esforzo económico e empeño, pero tamén para Galicia e Ponteceso, esta réplica tan orixinal e fidedigna!

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.