Despois de realizar nestas festas do Nadal unha incursión nas terras asturianas, e aproveitando que no noso Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) atopabámonos cuns días de descanso, o noso presidente e a vicepresidenta da Fundación Ricardo Pérez e Verdes desprazáronse, primeiramente, ao municipio de Pola de Siero para visitar e devolver a visita que fixeran o matrimonio Joaquín Hernández e Isabel García, cofundadores do Museu de Monicreques e de Teatro Bufarda, alá polo ano 2022. A continuación desprazáronse ao concello de Villaviciosa para asistir ás diferentes exposicións de maquetas xigantescas no «X Roteiro dos Beléns» dos afamados coleccionistas Nicolás Rodríguez Martín, Casa dos Hevia, Beléns parroquiais e das Asociacións belenistas de Oviedo. Entre eles destaca sobremaneira un Belén Napolitano do século XVIII, do coleccionista Nicolás Rodríguez Martín.
Tamén tiveron a ocasión de visitar a exposición da colección de Quiroga-Monte titulada «Pezas mestras do xoguete español, 1890-1930», situada no Museo de Belas Artes da capital asturiana, Oviedo. Entre as pezas destacadas temos: un tranvía eléctrico (1900), unha carruaxe berlina (1905), un auto coupé convertible (1920), unha moto con personaxes e sidecar (1930) e un marabilloso Carrusel de 1898.
Xa no concello de Avilés, visitamos no Centro Niemeyer as súas tres exposicións sobre Arte: «Colita, arte e parte», «Arte e Espiritualidade» e «Roteiros de Arte». Seguidamente, na Feira de Antigüidades, adquiriuse material para os fondos arquivísticos da Fundación e do MELGA, dos que destacamos os seguintes obxectos: un xogo de bolas antigas de petanca (1950), unha nora de plástico (1980), diferentes buxainas de plástico (2023), unha figura de barro dun neno golfista (1990), ioiós gregos (2000), escopetas de xoguete de plástico e madeira (1960), un tamagotchi (1997), unha figura de barro con osiños nun balancín (2015), un pinball de plástico (1970), etc. Case unha vintena de xoguetes e xogos.
E xa para finalizar este percorrido cultural, museístico, feiral, patrimonial e lúdico, non dubidamos en percorrer a bela cidade de Xixón, onde se atopaba un espectacular Mercado ou Feira de Antigüidades no que, como sempre, andamos «á caza» de pezas antigas e valiosas. E como dixo Arquímedes: Eureka! (atopeino). Alí estaba. Un «Jeu de Course» (Xogo de carreiras de cabalo), en moi bo estado (con detalles de uso), completo (coa súa caixa) e funcionando á perfección. O xoguete logrado é un «obxecto de desexo» de calquera coleccionista naqueles tempos e na actualidade. Está datado no ano 1920, é da marca M. J. & Cie., de orixe francesa, e corresponde a un xogo para adultos cuxa función era lucrativa, pois era un «Xogo de Apostas» moi presente nos salóns das clases burguesas francesas e españolas, en clubs ou casas privadas.
Consistía o xogo en tirar dunha panca coa man (no exterior da caixa) e, a continuación, os 8 cabalos cos seus jockeys correspondentes daban voltas no hipódromo (neste caso é redondo); o primeiro cabalo que se achegue á bandeirola de meta, será o gañador. A cada tirada correspondía unha aposta xeral entre todos. ¡Moitos francos e pesetas perdéronse! Os nenos e nenas da alta sociedade tamén xogaban acaloradamente pero, sempre sen apostas por medio, a non ser que o pago en especies fose algún cromo, calcomanías, chuches, canicas, etc., o que se tivese a man.
Unhas xornadas moi ben aproveitadas por terras asturianas, onde ampliamos moitos coñecementos xogueteiros, artísticos, culturais e patrimoniais coa adquisición de pezas… pero tendo en mente a divulgación do noso MELGA sobre a historia dos xogos e deportes tradicionais e modernos. E ademais, ¡que non deixen de visitar en Galicia, no municipio de Ponteceso, provincia da Coruña, un museo que non lles defraudará! Feliz inicio de ano 2026!




Español





Leave A Comment