Ricardo Pérez y Verdes, presidente da Fundación que leva o seu nome e director do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), con DNI 32.318.543–R. As devanditas entidades foron recoñecidas o día 30 de outubro de 2013 (DOG nº 197, do 15 de outubro), clasificadas de Interese Cultural pola Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 30 de setembro de 2013 (DOG nº 197, do 15 de outubro) e declaradas de Interese Galego pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o 22 de outubro de 2013 (DOG nº 208, do 30 de outubro) da Xunta de Galicia como Ben de Interese Cultural (BIC), figurando inscritas co número 2013/10.
EXPÓN:Na segunda metade do século pasado, os birlos, como outros xogos que se transmitiron entre xeracións ao longo dos séculos, sufriron un forte esmorecemento, sendo cada vez menos as persoas que os practicaban. O “XOGO DOS BIRLOS” conta en Galicia cunha gran tradición, tanto no rural como nalgunhas vilas, e tamén cunha ampla gama de modalidades, das que se deben conservar todas naqueles territorios onde se veñen practicando dende antano. Trátase dun xogo que se practica nas catro provincias, con diferentes modalidades ou variantes entre concellos e comarcas, contabilizando ao redor de 48 modalidades diferentes.POLO EXPOSTO, INFÓRMASE:O XOGO DOS BIRLOS é unha manifestación lúdica que se practica tradicionalmente por varóns, o que a día de hoxe non constitúe ningún atranco para que as mulleres tamén o poidan practicar, e así se fai na actualidade. A promoción do XOGO DOS BIRLOS, como a doutros divertimentos comunitarios agora esquecidos ou que unicamente os coñecen poucas persoas, constitúe un recoñecemento dos saberes, das tradicións e dos costumes dos devanceiros. Cómpre dalos a coñecer e promover a súa supervivencia. Este xogo, como a maioría dos tradicionais, fomenta a cohesión social e veciñal, e máis se tamén o practican as mulleres, entre elas ou xunto cos homes.
Por último, non se debe rexeitar ningunha variante ou modalidade, por pequena que sexa a área territorial e o número de xogadores, ou mesmo que xa se deixase de practicar e se queira recuperar de novo.
Conclusión: Ao noso parecer, o XOGO DOS BIRLOS, con todas as súas variantes, merece que se recoñeza como BEN DE INTERESE CULTURAL.
Ponteceso (A Coruña), a 13 de decembro de 2025
Asdo.
Cecilia Monllor-Martínez Sánchez
Secretaria do Padroado da Fundación Ricardo Pérez e Verdes
Leave A Comment