Neste mes de xullo, comezo do período estival, o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) comprobou que, unha das actividades máis organizadas polos campamentos urbanos ou rurais da nosa comunidade, as empresas que activan estas planificacións, un día dedícana a coñecer, dentro das súas limitacións horarias, unha visita ao noso museo.
Nesta ocasión, dentro do Programa de Campamentos de Verán que ten programados a Xunta de Galicia para toda a Autonomía, a visita guiada foi planificada para onte mércores día 29 de xullo, compoñíano un grupo de 50 persoas que procedían das catro provincias galaicas, e que se atopaban no Albergue Alalá Terra e Sons de Cabana de Bergantiños, desde o día 1 e que finalizará a súa estancia na nosa terra bergantiñá, o próximo día 8 do presente mes. As idades dos campistas ían desde os 8 ata os 12 anos e as súas monitoras eran: Gabriela Tajes, Andrea Grille, Lía Rodríguez e Inés Vieiro, que exercía de coordinadora e representante do grupo.
Cunha duración de dúas horas e media de visita (que souberon a pouco), tanto teórica como practicamente, todos os compoñentes do campus, así como as súas monitoras, pasaron revista e realizaron os diversos xogos tradicionais galegos, da man do noso guía-director, ás dúas salas do museo (máis profundamente a primeira sala, que a segunda) con gran atención e interese, sobre todo aqueles que procedían das outras tres provincias galegas, pois descoñecían a existencia do devandito recinto museístico. Os encomios non se fixeron esperar, propoñendo, en canto chegasen aos seus lugares de procedencia, ás súas familias e centros docentes, a imperiosa cita dunha visita ao MELGA de Ponteceso. Aínda que non bateron ningunha marca nos xogos seleccionados durante a sesión lúdica, en cambio Adrián Astray de 12 anos levouse “o gato á auga”, logrando o premio da visita, polos seus acertos en coñecementos sobre os xogos e deportes tradicionais galegos.
A visita foi moi acertada e adecuada, segundo os membros asistentes, precisamente pola campaña que a Xunta de Galicia tiña para este ano e que titulou “O verán que queres contar”. Non só actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo dunha educación non formal, senón que a pretensión era que servisen, non só para divertirse, senón tamén para o enriquecemento persoal e vital dos mozos. E o MELGA, na súa función prioritaria e pedagóxica e “contrasinal”, difúndeo e promociona. Agradecemos e recoñecemos á directora e xerente do Albergue ALALÁ Terra e Sons, Mariluz Imia Rivera, que como todos os anos, recomenda a todos os alberguistas que nos visitan por estas terras, un día realizar unha parada obrigada ao noso Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), para que puidesen coñecer o noso recinto museístico. Inmensa gratitude pola súa colaboración e cariño cara á nosa institución.




Español





Leave A Comment