Mozos de toda Galicia visitan o noso museo pontecesán na campaña de campamentos de verán da Xunta

Despois dunha intensa e extensa xornada matinal con numerosos visitantes por libre e da visita guiada deste segundo sábado do presente mes de agosto, ás 16:00 h. da tarde, en xornada vespertina, recibimos a unha trintena (30) de mozas, entre os 18 e 28 anos de idade no Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA). Viñan acompañados polo coordinador da actividade Luki Igrexas que representaba ao grupo e os monitores María Méndez, Blas Souto e Carlota Cabrera.

O grupo de mozos procedían de toda Galicia, na súa maioría mulleres e soamente seis mozos. Todos eles atopábanse instalados no Albergue Alalá Terra e Sons de Cabana de Bergantiños, cuxa directora é Mariluz Imia, sen dúbida, a nosa mellor embaixadora do museo, que lles organiza sempre, dentro das variadas actividades diarias, unha visita guiada ao MELGA. Neste caso, a través da Xunta de Galicia, fomenta que a mocidade galega de máis de 18 ata os 30 anos (segunda vez que realiza nesta franxa de idade (2024) que participe en “Aventuras en Cabana”, en actividades de lecer saudable a través dos seus campamentos. Este é un dos cinco campamentos seleccionados en toda Galicia como o de Ribadeo, Allariz, A Veiga, Mondariz e o de Cabana de Bergantiños. Podemos destacar que a Xunta de Galicia tivo un gran acerto en ofertar estes “campus” para estas idades. Parabéns!

Estes campamentos forman parte da campaña “O teu mellor Verán” da Consellería de Cultura, Lingua e Mocidade, que desde o pasado mes de xullo e agosto desenvolverán roteiros, actividades artísticas, acuáticas, de multi-aventura, ofrecendo a posibilidade de que a mocidade galega empregue o seu tempo de lecer estival en actividades de educación non formal, de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo. A duración do percorrido durou (segundo todos os asistentes como un aperitivo), máis aló das dúas horas e media e o grupo hai que comentalo foi excepcional, tanto polo seu interese, pola súa implicación na visita, participación ao máximo nas prácticas e sen dubidalo na aprendizaxe nova que se lles ofrecía. Sen dúbida, aínda que eramos uns pouco escépticos na visita, polas idades dos nosos visitantes, pero podemos comentar que foi un dos grupos máis gratos, atraíntes, afectuosos e pracenteiros dos que pasaron polo noso museo.

Un grupo moi compacto, solidario e inclusivo, no que tamén había persoas con diversidade funcional, onde a conexión era tal que semellaba que levasen toda a vida xuntos. Fantásticos! Unha velada extraordinaria a realizada nesta tarde do sábado. Unha xornada esgotadora pero moi satisfactoria e frutífera. Todos saíron emocionados e realizando unha saída marabillosa. Pola nosa banda un gran día moi recordable.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.