O CEIP A Cristina de Carballo inicia o ano 2018 as visitas guiadas, despois de 3 intentos

Un centenar de nenos/as de educación infantil do CEIP. A Cristina de Carballo, con idades comprendidas entre os 3 aos 5 anos, visitaron hoxe venres 19 de xaneiro por primeira vez o MELGA, despois de realizar dous intentos anteriores, unha no mes de novembro e outra no mes de decembro. A primeira suspendeuse por un brote de varicela no centro escolar, a segunda polo temporal en Galicia e hoxe finalmente con gran alborozo, visitaron o museo pontecesano. Os “pequerrechos” visitantes, nesta ocasión, estiveron acompañados polas profesoras/titoras Iria Arias, que exercía de coordinadora do grupo, así como polas titoras Natalia Veiga e Natalia Lestón e polas mestras de apoio Rebeca Núñez Varela e Mª Jesús Rodríguez.

Despois de case dúas horas de visita, cun intermedio para repoñer forzas, a totalidade do grupo realizaron diferentes xogos tradicionais nas dúas salas expositivas, dirixidos polo director/guía do MELGA. Non faltaron os castelos de mazarocas e pinzas, o tirafungüeiro, o varapau, a carreira de tartarugas, o loio, a ra, a buxaina e os trompos, o boliche, etc… Unha mañá especial na cal os alumnos/ as do centro escolar carballés, puideron exercitarse e competir nos diferentes concursos planificados. Aínda sendo tan numeroso o grupo e idades tan pequenas, a sesión levou a cabo dunha maneira excepcional e segundo moi divertida e entretida.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.