Este venres día 20 do presente mes de marzo tivemos a ocasión de recibir, despois de moitos anos (2017) ao centro escolar coruñés do CPI Alcalde Xosé Pichel de Traba – Coristanco, para realizar unha visita guiada ao MELGA (Museo Etnolúdico de Galicia) de Ponteceso.
Foron preto de 60 alumnos/as de 5º (A-B) e de 6º do ensino primario, con idades comprendidas entre os 9 e 12 anos. Os discentes estiveron sempre acompañados polas súas profesoras María Dolores Blanco (titora de 5ºA), Pilar Puñal (titora de 5ºB) e María Luisa Facal (titora de 6º) e coordinadora da actividade e representante do centro na visita.
Desexamos lembrar que hai nove anos, na súa última visita ao MELGA deste centro escolar, o grupo comandábao a escritora galega Mercedes Queixas Zas. Como todos sabemos, Mercedes é licenciada en Filoloxía Hispánica, subsección galego-portugués, da Universidade da Coruña, e exercía a docencia neste centro, labor que compaxinaba coas funcións de Secretaria Xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega. A súa ampla bibliografía desenvólvese no xénero de ensaio primordialmente, pero tamén ten abundante obra colectiva e traducións. Foi premio de Ensaio da Asociación de Escritores en Lingua Galega no 2012, por «Vivir, unha aventura irrepetible. Biografía de María do Carmen Kruckenberg». Todo un referente na cultura galega. Sen dúbida, perdemos unha gran docente no noso ensino público, xa que na actualidade, converteuse nun referente de primeira liña nas filas do partido político do BNG, no Concello da Coruña e en Galicia.
Nesta ocasión (non como na anterior visita), dispuxemos de máis de tres horas de traballo audio-teórico-práctico co director do museo. Os alumnos/as, aínda sendo un grupo numeroso e de distintos niveis, foron excelentes «esponxas» para captar todo o que alí se lles expoñía e propoñía. Tanto a visita expositiva no exterior aos murais de azulexos, os vídeos divulgativos e a parte teórico-práctica na parte interior, estiveron a unha altura destacable, aínda que non conseguiron ningún récord nos xogos seleccionados. En cambio, si se chegaron a entregar os premios aos dous discentes destacados na visita, recaendo os mesmos en Sofía Eires de 10 anos de 5º e en Nayara Caamaño de 11 anos de 6º curso. A interrelación e convivencia dos alumnos/as nas súas relacións persoais, así como a competitiva, levouse dunha maneira excepcional. Gran parte deste bo ambiente hai que destacar ás súas profesoras asistentes.
Finalizado o percorrido polas instalacións museísticas, todo o grupo xantou no campo exterior de xogo xa que o día era moi favorable. Sobre as 14,00 h. o autobús partiu do MELGA cara a Coristanco.
Sendo a súa primeira vez en coñecernos, segundo comentarios dos presentes «A visita fora un gran día de xogos, con ganas de repetir a experiencia». Esperamos que a espera non sexa tan longa como esta.
Para todos nós foi un gran acicate para seguir traballando día a día polo Patrimonio Lúdico e Inmaterial de Galicia, a través das nosas entidades.





Español





Leave A Comment