Devolución de visita aos alcaldes do Concello de Betanzos

Trala visita guiada realizada o pasado martes 18 de novembro, en xornada matinal, ao Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) —cuxo anfitrión foi o noso presidente-director-guía cos insignes políticos do PSOE da cidade coruñesa de Betanzos, Manuel Lagares, Antolín S. Presedo e Moncho García, e coa ausencia obrigada por axenda da actual alcaldesa María Barral—, cumprimos coa devolución da visita este martes 25 de decembro. Non podiamos rexeitar a invitación que devanditos alcaldes realizaron a Ricardo Pérez e Verdes persoalmente para que visitásemos o municipio betanceiro e fosemos recibidos pola alcaldesa (quen quería desculparse pola súa ausencia no museo a semana anterior e expresarnos a súa gratitude pola atención prestada aos seus compañeiros).O recibimento a Ricardo Pérez no municipio de Betanzos correu a cargo, en primeiro lugar, dos exalcaldes Manuel Lagares, Antolín S. Presedo e Moncho García no Liceo Recreativo, sede actual do concello. A continuación fomos recibidos nas escalinatas do concello pola alcaldesa María Barral, que de inmediato se desculpou pola súa ausencia na visita guiada de días pasados.

Despois de darnos a benvida a todos, a nosa anfitrioa realizounos un percorrido pola totalidade das magníficas estancias do concello, edificio do século XVIII, ademais de irnos presentando a todos os concelleiros, técnicos e funcionarios da corporación. Finalizada a visita, xa no seu despacho, houbo unha breve reunión para charlar de diversos temas, como do noso MELGA, as súas actividades e, sobre todo, da impresión causada aos seus tres compañeiros de partido polo noso museo situado en Ponteceso, así como das ganas que tiña ela de coñecelo persoalmente, emprazándose para iso pasadas as festas do Nadal.

Trala visita institucional, María Barral acompañounos nun breve “circuíto” para coñecer o concello antigo, o centro histórico, o impresionante Centro Internacional da Estampa Contemporánea e, finalmente, O Pasatempo.

Como a mañá foi intensa, para repoñer forzas, o xantar tivo lugar no restaurante San Andrés, onde proseguiron, en boca dos presentes, os temas políticos, monumentais e museísticos, non deixando de degustar, por suposto, a arquicoñecida e magnífica “Tortilla de Betanzos”. Durante a sobremesa, tanto María como Ricardo intercambiaron recordos de cada unha das súas institucións.

Antes da despedida, pasadas as 17:00 h, a promesa de ir visitar o museo era un feito pola súa banda, pero tamén tentaría “implicar” a todos os seus compañeiros do pleno para coñecer o MELGA pontecesán. Pola nosa banda, transmitímoslle que será unha gran honra recibilos a todos, e a nosa gratitude inmensa a Manuel, Antolín, Moncho e María polo acollemento recibido, pola proximidade e polas mostras da súa amizade. Sen dubidalo, un gran día!

 

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.