Hoxe pola mañá, mércores día 8 do presente mes de outubro de 2025, o noso presidente-director da Fundación Ricardo Pérez y Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) respectivamente, foi convidado á Facultade de Ciencias da Educación da Coruña polos doutores Raúl Fraguela, Lara Varela e Miriam Carretero, para inaugurar a Exposición «Movemento, Aire Libre e Natureza na Rexeneración Pedagóxica: O exemplo das Colonias Escolares Segovianas».
A mostra estivo organizada pola área de Didáctica da Expresión Corporal, das cales Raúl, Lara e Miriam son profesores titulares da materia, ademais de membros do grupo de investigación EUNOIA. Devanditos doutores, brillantes estudantes, foron exalumnos de Ricardo Pérez da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física (antigo INEF-GALICIA) da Universidade da Coruña, nas materias de Historia do deporte, de Teoría da Actividade Física e do Deporte e Xogos e Deportes Tradicionais.
A localización da exposición foi distribuída en dous espazos: un na biblioteca e outro no amplo hall da Facultade. Na biblioteca atopábanse en varias vitrinas expositivas, a ampla bibliografía de textos sobre a temática, imaxes e obxectos referentes ás colonias en España. Na entrada da Facultade, expoñíanse a través de grandes paneis, a evolución histórica destes centros pedagóxicos así como gravados e planos de actividades xerais.
As colonias escolares xorden no século XIX para a protección da infancia e fronte ás malas condicións hixiénicas, tanto no fogar como nas escolas, o que implicaba altas taxas de enfermidades e mortalidade infantil. A actividade física, ao aire libre e na natureza fundamentaban os principios para mellorar a saúde dos nenos e as nenas.
Poñendo como exemplo as colonias de Segovia, unha das importantes de España e Europa, compleméntase a exposición con material tanto da Biblioteca da Universidade da Coruña, como sobre colonias escolares doutras provincias españolas como Valencia, Tarragona, Oviedo e, especialmente, as da Coruña, activas entre 1910 e 1936, que ofrecían estancias estivais a menores de familias humildes na contorna do Sanatorio Marítimo de Oza.
Unha brillante exposición, con moita documentación e moi ben estruturada. Só nos queda dar as grazas pola invitación, polos obxectos recibidos no intercambio, pola visita guiada, que os alumnos-docentes de Ricardo ofreceron por todas as instalacións da Facultade e pola Tese Doutoral que Miriam Carretero doou á nosa Biblioteca do MELGA titulada: «A esgrima como enseñanza formal nas institucións educativas públicas de Madrid. Do Real Seminario de Nobres ao Instituto de Segunda Enseñanza Cardenal Cisneros (1725-1950)». Un día cultural e excepcional.


Español





Leave A Comment