Final de actividades no MELGA este ano 2025

Onte xoves pola tarde, día 18 de decembro de 2025, o noso presidente-director do MELGA (Museo Etnolúdico de Galicia) situado en Ponteceso, Ricardo Pérez e Verdes, foi convidado a participar en directo no programa especial de Nadal «Quen anda aí?» da Televisión de Galicia. Nesta ocasión foi a sexta vez consecutiva desde o ano 2020. Trátase dun magacín para todos os públicos, onde a cultura, os entretementos, a gastronomía, a moda, o turismo, a actualidade, as festas, o lúdico, etc. están presentes.

Foi na Produtora Veralia e Tex 45, cuxa sede se atopa na veciña localidade de Ordes (A Coruña), onde se realizou a gravación do programa, que estivo adornada cunha mesa que facía de exposición dalgunhas pezas galegas e do mundo, chegando a unha corentena, sacadas das vitrinas do MELGA, que embeleceron o estudio. Non faltaron automóbiles, motocicletas, avións, praxinoscopios, tanques, carruseis, xogadores de billar, tenistas, animais diversos, profesións, etc. Como fondo de pantalla emitíronse moitas imaxes sobre xoguetes antigos, reportaxes sobre os mesmos e, por descontado, imaxes constantes do MELGA de Ponteceso.

Imaxe do quen anda aí do 18-12-2025

Facendo clic na imaxe está a intervención de Ricardo a partir da 02:05:00 h.

Ricardo foi entrevistado polos xornalistas da cadea galega Raquel Atanes, Beatriz Manjón e Manel Loureiro. O noso director foi «bombardeado» polos presentadores a preguntas sobre a historia dos xoguetes. Pero o tema do día non era outro que, xa que se achegaban as datas dos Reis Magos e Papá Noel, tanto nenos como adultos soubesen solicitar nas súas cartas aos mesmos, o seu desexo de recibir un xoguete moi especial e case desaparecido. O tema para tratar foi: «Os xoguetes de folla de lata: a súa historia, presente e futuro».

Finalizada a nosa intervención, tanto o público e os presentadores, só tiveron palabras de agradecemento á nosa institución, pola tarde tan especial vivida. Para despedirse do programa lúdico, Ricardo desexou a todos os presentes un Bo Nadal e un ano 2026 moi próspero e xoguetón, invitando a que visitasen o MELGA en Ponteceso e lembrando que todos fosen bos, pois de non ser así… Melchor, Gaspar e Baltasar ou Papá Noel traeríanlles «carbón» nesa noite máxica.

Ricardo con Beatriz Manjón y Raquel Atanes sendo gravados por un cámara

Ricardo dialoga con Beatriz Manjón e Raquel Atanes

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.