Aínda que o balance deste período estival (15 de xuño ao 21 de setembro-25), foi positivo en canto ás visitas guiadas e particulares ao noso Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) poderiamos dicir: «Seguramente, mellorable».
O motivo da nosa conclusión vén dado porque, imos cumprir o noso décimo terceiro ano do noso nacemento como museo (27 de setembro de 2013) e que levamos funcionando a pleno rendemento, vímonos nestes tres últimos anos moi minguados pola situación incomprensible da redución de horarios. Este verán 2026, tivemos aberto SOAMENTE as fins de semana e os días festivos para os nosos visitantes, xa que durante todos os días da semana de luns a venres, pechamos as portas do museo, por falta de persoal no Centro Cultural, aínda que podemos comentar que foron moitísimas as chamadas telefónicas e na páxina web do museo para ver se podiamos recibir a persoas para visitar o MELGA por libre ou pola súa conta, por descontado, a maioría de turistas que se atopaban pola zona da Costa da Morte.
Con esta importantísima circunstancia e sen dúbida un verán moi atípico (tempo meteorolóxico excepcional, pouca actividade turística pola zona, saúde do noso guía-director, etc.) a consideración por parte da nosa entidade foi positiva e satisfactoria, pero… como diciamos anteriormente, posiblemente podería ser máis destacable, debido ás circunstancias especificadas.
O Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), durante este período estival, recibiu as visitas guiadas dos seguintes grupos: Curso de Educadores de Habilidades Sociais (Ordes); Colexio Andaina (A Coruña); Escola As Estreliñas (Carballo); Colexio Fillas de Jesús/Jesuitinas I (A Coruña); Colexio Fillas de Jesús/Jesuitinas II (A Coruña); CPI Dr. López Suárez-O Saviñao (Lugo); Concello de Betanzos (A Coruña); Concello de Arteixo (A Coruña); 5 visitas guiadas de varias Comunidades Autónomas de España, ademais participaron de visitas guiadas especiais grupos no Día da Patria Galega (25 xullo) e o Día da Ascensión de María (15 agosto).
En referencia aos Campamentos ou Campus deportivos de Verán (urbanos ou rurais) recibimos ao Campus Alalá de Cabana de Bergantiños (A Coruña); Campus Multiaventura Concello de Coristanco; Campus Escola Infantil Xilgaros de Carballo; Campus Concello de Betanzos e Campus Xunta de Galicia (Santiago de Compostela). En total foron neste período estival 19 visitas guiadas.
Procedían os visitantes das seguintes localidades e rexións: de Galicia as catro provincias estiveron representadas: A Coruña (Santiago de Compostela, Ponteceso, Corme, Carballo, A Laracha, Coristanco, A Coruña, Buño, Carral, Culleredo, Boiro, Ames, Cambre, Narón, Ferrol, Ordes, Santa Comba, Cabana de Bergantiños, Arteixo, Cee, Padrón, Laxe, Malpica, Fene e Baio); de Lugo (O Saviñao, Lugo, Foz); de Ourense (Ourense) e de Pontevedra (Vigo, Ribadumia e Pontevedra). Doutras comunidades de España: Vascongadas (Bilbao e Álava), Madrid (Madrid e Aranxuez), Andalucía (Sevilla), Valencia (Gandía e Valencia), Castela-A Mancha (Ciudad Real), Cataluña (Barcelona), Aragón (Zaragoza), A Rioxa (Logroño), Castela e León (Burgos e Salamanca), Illas Baleares (Mallorca), Asturias (Oviedo e Langreo), Estremadura (Cáceres), Cantabria (Santander e Laredo) e Illas Canarias (Tenerife). En total foron 15 comunidades españolas que estiveron presentes no noso museo, só faltaron dúas para facer pleno.
En canto á participación estranxeira, este verán foi moi inferior ao ano anterior, pois só recibimos visitantes de: Canadá (Regina), Arxentina (Mendoza), Uruguai (Montevideo), Finlandia (Tampere), Francia (Marsella), Alemaña (Múnic) e Polonia (Gdansk). En total foron 7 países.
Nas dezaseis (16) fins de semana e dous (2) festivos, que durou a tempada de verán, foi destacable a participación cidadá libre ou pola súa conta, moi posiblemente poidámola considerar como media-alta, aínda que foi nula entre semana, aínda que tivésemos moitas chamadas (luns a venres), das cales non puidemos satisfacer as súas necesidades. Un gran pesar pola nosa banda!
Entre outras actividades salientables, como todos os veráns cita obrigada foi o VII Festival Histórico de Xogos e Deportes na Idade Media (Noites do Medievo) en Riobó (Cabana de Bergantiños). O MELGA tamén estivo presente no «Día da Bicicleta da Coruña», invitado pola Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (AGAXXORDE), a Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE) e o Concello da Coruña, para realizar o I Festival de Xogos e Deportes Tradicionais Galegos, dentro da devandita organización. Debemos comentar que este ano, debido ao ingreso urxente no CHUAC coa intervención cirúrxica (hemorraxias sanguentas intestinais) e recuperación do noso guía-director, a algúns dos Festivais solicitados tivemos que renunciar pola situación antes dita, como foi o caso do IX Festival Castrillón (A Coruña) con motivo das Festas de María Pita e Festa nos Barrios coa Asociación de Veciños IAR (Urbanización SOTO), que tivo que aprazarse para máis adiante.
No campo da representación institucional, a Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) estivemos presentes nos seguintes acontecementos: no Simposio Internacional de Xogos Tradicionais Canarios e na XXV Asemblea Xeral Europea de Xogos e Deportes Tradicionais nas Palmas de Gran Canaria e o XI Encontro Internacional de Xogos e Deportes Tradicionais en Aranda de Douro. En varias ocasións participamos en faladoiros dos medios de comunicación oral (radio) como: Radio Voz, Radio Nordés (Cadena SER), COPE Galicia, Radio Coruña, etc. Tamén se pospuxo un documental entrevista-homenaxe, que se preparara a Ricardo Pérez, nun programa en directo da TVG titulado «En compañía de Loli».
En canto ao apartado de doazóns e adquisicións que tivemos durante estes meses de vacacións foron: 2 Xogos de Autómatas de madeira (1950) realizados polo médico compostelán J. Picallo e doados polas súas fillas Paz, Ana e Eva; unha colección de 20 fotografías das aliñacións do Real Club Deportivo da Coruña (1906-1960), un saco de boxeo (punching ball) de teito e as súas luvas do 1940, 2 cordas antigas e varios balóns medicinais de diferentes pesos de 1960, do avogado coruñés Germán Rodríguez Conchado. E finalmente o profesor de Belas Artes Ignacio Pérez González fixo unha doazón consistente en dúas buxainas e un xogo de raquetas con volantes xaponeses. Como se poderá comprobar as doazóns (3) son sempre escasas, aínda que neste caso foron moi especiais as mesmas, pois podemos cualificalas como excepcionais.
Como de costume o noso director pateou por toda Galicia aquelas feiras de antigüidades, almoedas ou vintage, que se realizan nas diferentes cidades de España (Asturias, Castela e León, Madrid e Estremadura), sobre todo Galicia (Melide, Narón, Betanzos, A Coruña, Miño, Muimenta) ou Portugal (Viana do Castelo e Valença do Minho), para localizar esas pezas ou obxectos que despois se expoñerán nas vitrinas do museo. As adquisicións de pezas, nesta ocasión, foron en grao sumo variado, desde buxainas, reclamos, mazas de ximnasia, recortables de indios e vaqueiros, coches de papel, pelotas de goma, mancuernas, xogo de argollas, buxaina xigante, perinolas portuguesas, suecas e xaponesas, etc. As pezas máis salientables foron unha «Zorra de madeira e ferro de xeo» alemán dos anos 1950 (Viana do Castelo – Portugal), un xogo de raquetas cos seus voantes xaponeses e un xogo de madeira «cribbage» dos anos 1920 (Valença do Minho). En total foron nesta etapa media centena de obxectos antigos e modernos.
No apartado de visitantes ilustres debemos citar: á alcaldesa actual de Betanzos, María Barral, acompañada do exalcalde do mesmo municipio Manuel Lagares; a nosa embaixadora Maya Álvarez Sotomayor e a súa irmá Alicia, netas do pintor coruñés Álvarez Sotomayor, acompañadas ambas polo esposo de Maya, o afamado pintor da realeza española Hernán Cortés.
Como nota salientable no mes de xuño, saíu á luz un texto titulado «Xogos Tradicionais. Xogos de mesa e enxeño», onde o noso director Ricardo Pérez e Verdes foi coautor con varios compañeiros de profesión e cuxa achega foi un capítulo do libro, titulado «Os xogos de taboleiro: unha revisión histórica».
Como RESUMO debemos destacar o seguinte:
- Foron 16 xornadas guiadas cun total de case 600 persoas (582), dos cales na súa maioría foron da nosa Comunidade Autónoma (80 %) e foráneos un 20 %.
- Nas 16 fins de semana e dous festivos, acudiron visitantes pola súa conta ou libre ao noso museo, máis de 400 (421) persoas da nosa comunidade, doutras comunidades autónomas e do estranxeiro.
- Como sempre o mes de agosto foi o máis numeroso con máis de 250 persoas, séguenlle o mes de xullo con 81 persoas, xuño con 30 e setembro con máis de 50 persoas.
- Os visitantes galegos que máis nos visitaron por provincias foron por esta orde: en primeiro lugar A Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense.
- Entre as Comunidades Autónomas en primeiro lugar, como todos os anos foi Madrid na súa maioría, seguíndolles a gran distancia Castela e León, e Vascongadas. Recibimos visitantes de 15 comunidades autónomas de España e soamente falláronnos, outro ano máis, as dúas Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla, que seguen sen achegarse ao noso museo. Non perdemos as esperanzas!
- En canto aos continentes que nos visitaron foron na súa maioría cidadáns de Europa (Francia, Polonia, Finlandia e Alemaña), seguíronlle os de América do Sur (Arxentina e Uruguai) e América do Norte (Canadá). En total duplicamos o ano anterior con 7 nacionalidades, mentres que o 2025 foron soamente tres países os recibidos.
- O pódium do número de persoas galegas que nos visitaron foron: A Coruña en primeiro lugar con 487 persoas, en segundo lugar Ames con 90 persoas e en terceiro lugar Culleredo con 80 persoas.
- En sétimo lugar aparece o noso concello Ponteceso-Corme con 10 persoas visitantes.
- Nos Festivais (Riobó Festival Medieval e o Día da Bicicleta A Coruña) realizados, que foron dous (2) en total, pasaron polos nosos xogos preto de 800 persoas aproximadamente. Non se levou, como todos os anos, o das Festas de María Pita, Os Castros, Urbanización Soto IAR da Coruña.
- Nas dezaseis (16) fins de semana, visitaron turistas pola súa conta o MELGA un centenar de persoas (98). Representantes galegos 840 persoas e doutros países 11 persoas.
- Un total de máis de 1.600 persoas aproximadamente, seguramente poderían ser máis, participaron de forma directa (nenos, mozos, maiores, etc.) asistindo dun xeito ou outro ás actividades lúdicas estivais programadas.
Para a dirección do museo, este verán aínda que foi razoable, non estamos satisfeitos do todo, xa que a situación existente durante estes tres últimos anos da falta de persoal, mingua moito as esperanzas e expectativas que se tiñan para este ano 2026. Con toda sinceridade, cremos que é unha gran pena que a sociedade galega non saiba valorar o «cultural» que dispoñemos nos seus territorios. De todos os xeitos, non nos atopamos satisfeitos pola marcha dos acontecementos e pola falta de aspiracións futuras.
Grazas a todos, pola vosa colaboración e apoio á nosa modesta institución o MELGA!

Español





Leave A Comment