Esta fin de semana, do 09 ao 16 do presente mes de xullo do 2026, Ricardo Pérez y Verdes, presidente da Fundación e director do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) desprazouse ás Palmas de Gran Canaria, para asistir ao Simposium Internacional e á XXIV Asemblea Xeral Europea de Xogos e Deportes Tradicionais. Á devandita cita internacional foi acompañado pola vicepresidenta do Padroado da Fundación, a xornalista e dramaturga Lola Roel.
Todo o encontro desenvolveuse no magnífico Salón de Actos do Museo Elder da Ciencia e a Tecnoloxía da capital grancanaria. Asistiron 86 organizacións dos 117 membros asociados (colectivos, individuais e honorarios), cun número total de participantes de 195 persoas dos 28 países seguintes: Italia, Bretaña, Romanía, Hungría, Croacia, Turquía, Francia, Bélxica, Chequia, Eslovenia, Alemaña, Tunes, Polonia, Bosnia, Suíza, Chipre, Serbia, Grecia, Rusia, Portugal, Macedonia, Lituania, San Marino e España. Moitas das asociacións non presentes, seguiron devanditas xornadas de forma telemática a través de on-line. Este ano 2026, foi invitada especial ao evento a selección nacional de Corea do Sur, cun equipo de loita Ssireum tradicional.
Como era de esperar, a delegación española foi a máis numerosa con 30 presenzas de Cantabria, Cataluña, Aragón, Navarra, Canarias, Murcia, C. Valenciana, Asturias, Castela e León, Vascongadas, Madrid, Andalucía e Galicia. Seguiron ao noso país Francia con 13 organizacións e Francia con 12 participacións. O pódium para as organizacións comunitarias de España foi o primeiro lugar para Canarias (13), en segundo lugar Cataluña e Aragón con 9 ambas e en terceiro lugar Cantabria con 6 entidades.
A delegación de Galicia (España) estivo representada por dúas entidades, ambas as dúas membros do Observatorio do Patrimonio Lúdico de Galicia: por unha banda polo presidente-director da Fundación Ricardo Pérez y Verdes/MELGA (Ponteceso) e pola vicepresidenta do Padroado Lola Roel. A outra institución de Galicia foi a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) de Melide/A Coruña cuxos representantes eran Paco Veiga e José Manuel (Charrancas) Martínez.

A inauguración do acto oficial do Congreso Internacional de Xogos e Deportes Tradicionais estivo a cargo do secretario e presidente da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, Rafael Lucholo e Pere Lavega respectivamente, e deu a súa benvida e inauguración do evento a directora xeral dos Deportes Autóctonos de Canarias, dona Lorena Hernández en representación da Comunidade Autónoma. Como final de benvida, a organización brindounos un concerto musical tradicional de Canarias co dúo composto por José Francisco Suárez e Salvador Santana, famosos cantautores da terra.
Seguidamente, iniciouse a sesión matinal do Symposium, que levaba por título: “Educar xogando: Xogos e Deportes Tradicionais en distintos Sistemas Educativos Europeos”, coas intervencións dos relatores seguintes: Aurélie Épron de Lyon (Francia) con “Xogos e deportes tradicionais en Francia: os grandes elementos esquecidos das escolas e universidades?”; seguiulle o profesor canario da Universidade de GC, Ulises Castro, que versou o seu relatorio en “O patrimonio etnomotor de Canarias: Unha materia optativa no currículo de Bacharelato”; Jovana Brankov e Zeljko Bjeljac, profesores da Academia Serbia de Ciencias e Artes, expuxeron “Revivindo o patrimonio a través do xogo: enfoques educativos e comunitarios para os deportes e xogos tradicionais en Serbia”; da veciña Portugal Mario Duarte Maia, coordinador do Festival Freguesia de Lousã, informou sobre “Os xogos de Freguesia de Lousã: 20 anos de convivencia, educación e cultura”; Fabrizio Verín (Italia) con “Xogos Tradicionais do Val d’Aosta: un proxecto educativo probado e novas oportunidades”; e finalmente Juan Ramón Marcelino, técnico de deportes do Cabildo de El Hierro e presidente da Federación de Loita Canaria, clausurou a xornada co relatorio “Do terreiro ao currículo: a loita canaria como recurso educativo transversal”.
Despois de finalizar todos os intervintes, houbo un extenso debate global cos participantes presentes, onde os participantes tomaron a palabra para expoñer, reflexionar e debater sobre os temas tratados. Entre eles o noso presidente-director Ricardo Pérez, tivo a ocasión de presentar ante o numeroso público asistente, o noso vídeo “Cómic-MELGA” e a súa relación museística co sistema educativo, pedagóxico e didáctico da nosa entidade. Tamén tomou a palabra, en nome do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, Paco Veiga que tratou temas tan importantes como a educación física e o xogo, pero sobre todo facendo fincapé na defensa da lingüística lúdica.
Rematada a xornada coas palabras da directora xeral Lorena Hernández deuse por clausurado o Symposium. Como broche final do mesmo no propio salón de actos, plasmouse o acto cunha fotografía coas máis de 250 persoas asistentes ao Congreso Internacional, alén de acompañantes, membros do Cabildo e autoridades locais.
Unha vez rematado o xantar, no magnífico restaurante do Real Club Victoria das Palmas de Gran Canaria, proseguiu a xornada vespertina cunha larguísima sesión con demostracións de xogos, nun Festival de Xogos Tradicionais Canarios na praia das Canteiras, estando presentes as modalidades seguintes: Salto Pastor, Bóla Canaria, Loita de Garrote Canario, Xogo do Pau Canario, Calabazo, Carros de madeira, Arrastre canario, Vela Latina Canaria de Botes, Vela Latina Canaria de Barquillos, Loita Canaria, Pelotamano Canarias, Levantamento de pedra, levantamento de arado e xogos infantís tradicionais. Máis de 5 horas (15:30 a 20:30 h.) de práctica e coñecemento de xogos autóctonos canarios e rematou a sesión cunha exhibición na propia praia da selección nacional de Corea do Sur, coa súa loita tradicional.
A mañá do sábado deu inicio, de novo no Museo Elder da Ciencia e a Tecnoloxía, á sesión ordinaria da XXV Asemblea da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais (AEJeST). Unha Asemblea memorable xa que se cumpría o 25 ANIVERSARIO da nosa asociación, fundada alá polo ano 2001 na localidade de Lesneven (Francia).
Para tal ocasión o encontro desenvolveuse nun único bloque: A Asemblea Xeral Ordinaria. Na primeira sesión baseou a mesma en 11 puntos: Secretaría Xeral; Informe Presidente; Proxecto Tesourería; Proxección Social e Documentación; Proxectos Europeos; Medios de Comunicación Social; Relacións Europeas; Redes Membros; Recursos Lingüísticos; Próximas Asembleas Xerais e Reunións de Inverno; Altas/Baixas de membros da AEJeST e Novos Membros; Aprobación de Orzamento ano anterior e novo ano 2027; Recoñecementos a organizacións e persoas polas súas boas prácticas; Informe dos diferentes Proxectos Europeos e Rogos e Preguntas.

Como destacable podemos informar de tres actuacións: a aprobación das próximas Asembleas Europeas, que recaeron nas cidades e anos seguintes: o próximo ano 2027 será no Val d’Aosta cuxa organización correrá a cargo da Fédération Esport Nohtra Téra (Italia), e no ano 2028 será en Lombardía cuxa organización será a Associazione Sportiva Lega Bisse del Garda (Italia). En canto á Reunión de Inverno do Consello de Administración da Asociación Europea do ano 2027 que estaba prevista realizala en Valencia (España), finalmente a Escola Autonòmica de Jocs Tradicionals organizadora do encontro renunciou á mesma por problemas económicos, quedando a mesma deserta e no ano 2028 será a Associació Morràpita a organizadora do encontro en Sant Carles de la Ràpita (Cataluña-España).
Sobre os Recoñecementos das Boas prácticas este ano recaeron as distincións no premio individual para Angelo Dipietro do Circolo Sportivo Olimpia (Italia). En canto ao recoñecemento colectivo recaeu na Fédération de Gouren (loita bretoa) (Francia) e o recoñecemento como Membro de Honor foi para o noso amigo Fernando Diestro da Federación Cántabra de Birlos e durante moitos anos tesoureiro da AEJeST.
No referente aos novos membros que se deron de alta na Asociación Europea temos á Federación Aragonesa de Xogos Tradicionais (España); Associació de la Lluita del Bac de les Terres de l’Ebre (España); Savez Za Rekreativ Sport (Serbia) e Lietuvos Etnosporto Komitetas (Lituania). En total foron 4 novas incorporacións.
En canto aos novos membros individuais temos a Bartosz Prabucki (Polonia); Malte Sandmann (Alemaña); Francesca Berti (Italia) e Úrsula Corral Orea (España). En total 4 novas altas.
En relación ás baixas voluntarias temos: Iparraldeko Joko Eta Kirol Federakuntza (Vascongadas-España); Balear de Tir de Fona (Baleares-España), Federazione Autonoma Birellistica Italiana-Fabi (Veneto-Italia) e Zinaida Kutnesova (Polonia). En total foron 4 baixas voluntarias definitivas, por incumprimento regulamentario do abono anual de cota á asociación.
Os orzamentos do Exercicio-25, aprobáronse por unanimidade, o mesmo o do ano entrante, cun aumento dun 15% para novas actividades, do mesmo xeito que todos os informes dos proxectos programados.
Finalizada a Asemblea Xeral todos os membros presentes trasladáronse ás instalacións deportivas da Vela Latina Canaria de Botes, onde se realizou no peirao do club, unha comida mariñeira e acompañada en todo momento cun grupo folclórico canario que ofreceu as diferentes variedades de cancións e bailes da Comunidade Canaria. Despois do xantar, brindóusenos desprazarnos nun barco recreativo, para observar desde o mesmo, a saída dunha regata de Vela Latina Canaria de Botes. Un espectáculo extraordinario tanto para participantes como para os espectadores, pois os peiraos se atopaban abarrotados de afeccionados desta modalidade tradicional.
A xornada do sábado seguiu todo o serán, con actividades diversas como: Masterclass da Federación de Loita do Xogo do Pau, Masterclass de Loita de Garrote e como remate final, na praia das Canteiras, ofrecéuselle ao numeroso público asistente un enfrontamento-desafío entre as seleccións de Loita Canaria e a selección nacional de Loita Ssireum de Corea do Norte. Nesta ocasión, os loitadores coreanos dominaron de principio a fin case a totalidade das loitadas ao seu favor.
A Cea Oficial de Clausura, con todas as autoridades e participantes, levouse a cabo, como todos os días, no Real Club Victoria das Palmas de Gran Canaria.
Dous acontecementos importantes, dignos de mencionarse leváronse a cabo despois de finalizada a Asemblea Xeral, a primeira foi a inauguración dunha “Exposición de Buxainas do Mundo” do coleccionista, secretario da AEJeST Rafael Lucholo que nos presentou unha variedade de buxainas dunha beleza extraordinaria. Sen dúbida unha das mellores que coñecemos por todo o mundo. Foi inaugurada polo coleccionista e polo director do museo Elder José Gilberto Moreno. Unha vez finalizada esta inauguración procedeuse a presentar no hall do museo canario, outra exposición que trataba sobre os Xogos Tradicionais de taboleiro, así como diversos xogos motrices de todos os continentes. Outra marabillosa exposición interactiva para todos os públicos en xeral. Os nosos máis sinceros parabéns aos organizadores por estes eventos tan extraordinarios e polo apoio institucional.
O domingo dedicouse, como clausura das xornadas lúdico-culturais, do Symposium e da XXIV Asemblea Xeral da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais (AEJeST); a organización puxo ao dispor un autobús para todos os participantes e acompañantes para realizar un percorrido por toda a illa para coñecer os encantos da mesma. Primeiramente na propia cidade das Palmas, visitamos o casco antigo do barrio monumental da Vegueta, Casa de Colón e a Catedral. Seguidamente realizouse un gran percorrido que durou todo o día, visitando os pobos máis bonitos da illa de Gran Canaria, “pateando” as vilas de Arucas (Catedral e a fábrica de ron), Agaete (porto marítimo), Teror (Basílica) e Tejeda (a magnífica Cruz), a paisaxe espectacular do Roque Nublo, o Porto de Mogán e finalizando en Maspalomas, a praia do Inglés coas súas impresionantes dunas e de regreso ás Palmas, un percorrido ao completo a toda a Illa grancanaria.
Só nos queda felicitar á “alma pater” Rafael Lucholo (LUCHO) e a Ulises Castro pola admirable organización, ao presidente da AEJeST Pere Lavega e ao seu consello de administración, á directora xeral de Deportes Autóctonos Lorena Hernández, ao concello de Las Palmas, ao Cabildo Insular polo seu apoio económico e de infraestruturas, ao equipo de voluntarios e colaboradores, aos clubs de xogos tradicionais, ás institucións en xeral polo trato dispensado a todos os participantes, etc., polo gran evento presentado, por non dicir o mellor en moitos anos, polo seu traballo, esforzo e dedicación.
Agora só nos queda esperar á chegada da XXVI Asemblea Xeral da AEJeST, que será no Val d’Aosta cuxa organización correrá a cargo da Fédération Esport Nohtra Téra (Italia), no próximo ano 2027.
Sen dubidalo, alí estaremos para representar á nosa Galicia neste evento internacional!


Español





Leave A Comment