O Melga presente na gravación dun programa da Radio Galega en Castañeda de Avia (Ourense)

Este último día do mes de marzo do presente ano (31/03/23) no municipio ourensán de Carballeda de Avia, tivo lugar un gran acontecemento no cal a MULLER foi a protagonista, xa que a mesma iniciouse cunha xornada lúdico-festiva-gastronómica-deportiva, con motivo de dous acontecementos importantes, que por diferentes motivos foran aprazados, como o 8M e o día da “Muller Rural” e en terceiro lugar, como feito central destacable, unha gravación (máis de dúas horas e media) dun programa da Radio Galega, coa presentación dun antigo xogo tradicional feminino, creado na propia localidade, fai máis de douscentos anos.

A xornada deu comezo ás 12,00 h. cunha “Andaina” de 6 quilómetros pola contorna de Castañeda de Avia, onde moitas mulleres, nenas e mozas do municipio e aldeas lindeiros, percorreron nun trazado moi suave, un percorrido polas belas paraxes da maioría das parroquias do concello. A franxa das participantes atopábanse entre os 5 aos 80 anos de idade. Hai que comentar que todas as integrantes da marcha, remataron o percorrido pre-establecido pola organización. Finalizada a mesma, nunha carpa habilitada polo concello, repuxeron as súas forzas, todas as participantes, nun xantar campestre de confraternidade, solidariedade, ambiente alegre e festivo.

A continuación da espléndida e abundante degustación de produtos da terra, sobre as 15,30 h. da tarde, produciuse o acto central do día. Cunha masiva participación de espectadores que enchían a totalidade do espazo da carpa, deu inicio a gravación do programa Convivir deportivo. Galicia en Xogo da Radio Galega, co seu presentador oficial Adolfo Pardo. O lugar da mesma, realizouse desde a área Recreativa “Ou Souto” de Santo Estevo de Novoa (Castañeda de Avia), moi próxima á gran localidade de Ribadavia.

A mesa convidada polo presentador e director do programa estaban presentes, as promotoras e xogadoras de Santo Estevo de Novoa, a súa presidenta Saladina, Tita, Cristina, Josefa e Yoli, a vicerreitora da Universidade da Coruña Cristina López Villar e a investigadora e doutoranda Manuela Vázquez Coto, foco principal e protagonista do programa.

Manuela Vázquez Coto (exalumna do noso director e nestes momentos colaboradora permanente do noso MELGA), presentaba por primeira vez a todo o público en xeral, un pequeno bosquexo da súa tese doutoral (proximamente fará a súa lectura oficial), sobre un xogo tradicional, único en Galicia, da rama feminina, nado como dixemos, na pequena localidade onde nos atopabamos para dita xornada vespertina. O nome do mesmo é “O xogo da Bugalliña”. Un xogo ancestral cuxas regras ou normas son un pouco complicadas, é de aposta, exclusivamente de mulleres, de precisión, de estratexia, de habilidade,… pero moi recreativo e entretido. Dentro do seu estudo, Manuela, tamén nos adiantou que descubrira na parroquia de Francelos outro xogo coñecido como o “Bugalliño”.

Non faltaron durante todo o encontro radiofónico, felicitacións emocionantes e sorpresas, unha tras outra para a protagonista, primeiramente foron as chamadas de voz gravadas desde de Noia con Ana Romaní poeta e xornalista; desde Cataluña Pere Lavega, presidente da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais; desde as Canarias Rafael Garrido (Loito) presidente da Asociación de Xogos Tradicionais; desde México a profesora Irene Morais; e finalmente desde Oza-Cesuras a instrumentalista e cantautora galega Mercedes Peón.

Sentados na primeira fila, atopábanse dous representantes institucionais do municipio o alcalde de Carballeda de Avia Luís Milia e o seu concelleiro de Cultura e Deportes Jesús Alonso. Ao seu lado situábanse os proxenitores de Manuela, a súa nai Mariña Coto e o seu pai Toño Vázquez e a continuación nas seguintes filas, apoiando “a lume de biqueira” o acto, e dándolle unha mega-sorpresa á protagonista, moitos membros do Observatorio do Patrimonio Lúdico Gallego, que se desprazaron ata alí para acompañala nun día tan importante para ela. Destacamos á Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) de Melide cuxos representantes eran Paco Veiga e José Manuel Rodríguez (Charrancas), o educador Antonio Ferrer (Nito) do CEP. Campolongo de Pontevedra, Kiko Lueiro da Asociación de Xogadores de Chave de Santiago, Xosé Lombardero presidente da Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta (XOTRAMU), Pepe López e Manolo García, desde Lourenzá representantes do museo “O RECUNCHO DÁS ARGALLADAS”, desde Noia José Manuel Barreiro e Daniel Piñeiro representantes de BRINQUEDIA (Rede Galega do Xogo Tradicional) e de Ricardo Pérez e Verdes representando á súa Fundación e ao Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) desde Ponteceso.

O Melga presente na gravación dun programa da Radio Galega en Castañeda de Avia (Ourense)

Como broche final dunha loable xornada, non faltou unha partida da “Bugalliña” entre as “mozas” xogadoras presentes, cuxa “ xefa” do grupo, Saladina, que cos seus 92 anos de idade, daba as consecuentes observacións a todos os alí presentes, das regras do xogo, das puntuacións, así como das estratexias para seguir na partida. Como caso excepcional e por única e primeira vez, deixaron participar aos homes, pero fóra de concurso.

Un día memorable, histórico e inesquecible para Santo Estevo de Novoa (Carballeda de Avia), para todos os membros do mundo dos xogos e deportes tradicionais de Galicia, para todas as MULLERES e para o Patrimonio Lúdico da Humanidade. Un gran descubrimento! Felicidades Manuela!

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.