Un mes de xullo recordable para o MELGA

Podemos considerar este -recentemente finalizado- mes de xullo coma un dos máis destacados da nosa existencia coma museo (dende o 27 de setembro de 2013). O Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) recibiu un inxente número de turistas, grupos escolares, campamentos urbanos e rurais, federacións, Asociacións de Discapacitados, etc. que se desprazaron, dende as súas localidades, para coñecer de primeira man (pois tiñan referencias do mesmo) dun pequeno, modesto e orixinal museo do Xogo e o Deporte Tradicional e a evolución da Historia cronolóxica dos mesmos, localizado no concello de Ponteceso.

Os visitantes na súa maioría procedían de Galicia, pero tamén recibimos xentes doutras comunidades españolas e estranxeiras. Destacamos de Galicia localidades de Lugo, Ponteceso, A Coruña, Carballo, Laxe, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, Ferrol, Ares, Ou Caurel, Foz, Ourense, Betanzos e Lalín. Doutras comunidades españolas foron Aragón (Zaragoza), Castela e León (Segovia, Aranda de Duero, Burgos, León), Andalucía (Granada, Córdoba, Sevilla), Vascongadas (Bilbao), Logroño, Madrid (Madrid) e Cataluña (Barcelona). Finalmente doutros países demos a benvida a visitantes de Bostón (EEUU), Bogotá (Colombia), París (Francia), Ámsterdam (Países Baixos) e Varsovia (Polonia).

Se os meses de abril, maio e xuño foron excepcionais este mes recentemente finalizado estivo nunha liña ascendente imparable. En total visitáronnos preto de 600 persoas. Non só batemos a mellor marca de visitantes nun mes, senón tamén, atendemos ao grupo mais numeroso con 164 visitantes do centro coruñés do Fórum Metropolitano da Coruña.

 Estamos seguros que este ano 2022 posiblemente esteamos a nos achegar (ou superar) o nivel do ano 2019, que foi o noso teito máximo (antes da pandemia) desde a inauguración do MELGA alá polo ano 2013.

Cremos que o «boca a boca» nestes momentos está a funcionar á perfección, pois cada día que pasa os nosos visitantes veñen sempre «recomendados» por outras persoas ou pola información nos establecementos hostaleiros que lles comentan da existencia do noso museo pontecesano. Seguros estamos que as expectativas para este mes de agosto sigan sendo verdadeiramente moi esperanzadoras.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.