Unha gran oportunidade perdida

O Melga renuncia a organizar  a XVI Asemblea Europea de Xogos Tradicionais, a celebrar en 2017

Desilusión! Frustración! Incomprensión! Calquera destes substantivos serviría para  explicar o vivido por Ricardo Pérez e Verdes, director do Melga e presidente da Fundación que leva o seu  nome o pasado fin de semana en Santander, tras verse obrigado a renunciar á organización, en 2017,  da XVI Asemblea Xeral Europea, Congreso Internacional e Festival de Xogos Tradicionais que, como xa informamos con anterioridade, ían  ter a súa sede en Ponteceso e A Coruña, como así acordou hai dous anos, por unanimidade, o Comité Executivo da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, situada na Bretaña francesa.

A decepción en que se atopa sumido todo o Padroado da Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o director do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), pola gran oportunidade perdida é enorme, pois a pesar do arduo traballo levado a cabo estes dous  últimos anos,  Galicia verase privada dun acontecemento lúdico sen parangón, que a convertería sen dúbida en referente indiscutible  do xogo e deporte tradicional europeo e mundial.

Desde o momento da concesión, os membros da Fundación, e en especial o director do Melga, mantiveron numerosas reunións coas diferentes  administracións públicas, así como con empresas privadas, federacións, asociacións… con vistas a desenvolver un plan de actuación e dotalo dos recursos necesarios para levar a cabo o proxecto, as cales se intensificaron estes últimos meses.

En ningún momento a Fundación tirou a toalla,  proba diso foron as reunións celebradas o día 22 e 23 de agosto, tres días antes de que se celebrase a Asemblea onde se decidía a sede de 2017. En vista de que as  administracións requiridas desen a calada por resposta, o padroado declinou organizar a XVI Asemblea, Congreso e Festival Europeos. Tristemente o “volva vostede mañá” segue vixente entre a clase política. Con todo hai que destacar a boa acollida que o proxecto gozou entre a empresa privada, particulares, asociacións e federacións ás que foi presentado.

O mesmo día 23, unha vez adoptada a decisión  polo Padroado da Fundación Ricardo Pérez e Verdes  de renunciar irrevocablemente á organización deste evento, esta púxoo en coñecemento do presidente da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, o bretón Guy Jaouen, para que trasladase dita  renuncia a todos os asemblearios e elixísese unha nova sede. O 26 de agosto, o pleno da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, previa presentación da candidatura como é preceptivo,  designou á Federación Balear de Tir de Fona como organizadora da próxima asemblea 2017, celebrarase no mes de novembro, data non habitual, en Eivissa/Mallorca, para darlle á devandita entidade algún tempo máis para a súa planificación. Como curiosidade dicir, que o presidente da Federación Balear Pep Ribas é ibicenco do concello de Sant Josep, do mesmo xeito que o noso presidente/ director.

Pese ao traballo preparatorio realizado e ao tempo dedicado, a indecisión das administracións impediron unha vez máis que este proxecto cultural, turístico e lúdico de gran proxección chegase a bo fin e que A Coruña e Ponteceso convertésense por uns días en foco mundial do xogo e deporte tradicional. Con todo,  a Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) seguirán  traballando para que,  en 2019,  celébrese na Coruña e Ponteceso a próxima asemblea europea. Esperemos que nesa ocasión as administracións comprométanse e actúen coa decisión que require unha boa xestión pública.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.