Unha xornada especial cun grupo moi especial

Onte foi un deses días que, despois da realización da visita guiada, quedas especialmente satisfeito e emocionado. Recibimos un grupo de 40 persoas, que despois dalgúns anos da súa ausencia pola pandemia, regresaron ao Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) para visitarnos e pasar unha xornada matinal nas instalacións do museo, practicando os xogos e deportes tradicionais galegos e do mundo, sempre coa adaptación correspondente.

Os compoñentes do grupo moi heteroxéneo, ía desde os 20 aos 60 anos de idade, cada un cunha particularidade ou disfunción tanto física como psíquica. Procedían da veciña localidade de Carballo (A Coruña) e pertencían á Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños, mais coñecida como ASPABER. O grupo viña acompañado das súas monitoras Hermocinda Villar, María Pouse, Jorge Guillamed e Maribel Rega que coordinaba a actividade.

Preto de tres horas durou o percorrido polas salas do museo, con moito interese, ningún deles negouse a participar nos xogos adaptados propostos, senón todo o contrario, querían repetir e repetir xogo tras xogo. Coas dificultades sobreentendidas, foi un grupo admirable tanto na súa atención, pero abrigo na práctica da sesión, chegando o caso que algúns deles, competían cos seus compañeiros ou compañeiras para demostrar as súas habilidades motrices. Cada vez que conseguían un reto, a alegría desbordáballes, mimetizando algúns dos xestos dos grandes deportistas.

Unha xornada sen dúbida moi emotiva, afectiva e excepcional, cun grupo sen dúbida excepcional. Comentábannos os seus coidadores que o pasaban “xenial” e que na próxima ocasión, xa que non puideran vir todos os residentes, se o MELGA podería desprazarse a Carballo, para organizar un Festival de xogos e Deportes Tradicionais Galegos no seu centro formativo, ocupacional, terapéutico e lúdico. O reto esta botado e alí estaremos.

A dirección do museo, sentese enormemente compracida desta sesión tan “especial”, pero sobre todo, por recibir ao final da sesión, o agarimo e alegría enorme do mesmo e polas súas sinceras palabras de “grazas, grazas, grazas”. Por suposto, o agradecemento, sen dúbida, viña de nós por ter a oportunidade de compartir unhas horas, con este magnífico grupo.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.