O MELGA cultivou un gran éxito nos VII Xogos Medievalistas nas Noites do Medievo en Riobó (Cabana de Bergantiños)

Outro ano máis, esta é a SÉTIMA edición, na pradería da aldea de Riobó, do concello de Cabana de Bergantiños (A Coruña), o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) organizou, en sesión vespertina desde as 17:00 h ata as 21:00 h, o “VII Festival de Xogos e Deportes Tradicionais na Idade Media”, dentro da xornada das “XVII Noites do Medievo”, nunha sesión lúdico-cultural-festiva, gastronómica e turística, onde non faltaron os xogos de forza, de habilidade, de precisión, de lanzamentos, xogos de taboleiro, etc., aos que masivamente moitas persoas se aproximaron ao “campo de batalla” de herba, habilitado para tal motivo.

Os xogos deseñados polo museo nesta ocasión causaron expectación e asombro, tanto pola orixinalidade, atractivos e en moitos casos pola súa dificultade de execución. Alén da repetición dos do ano pasado, como novidades deste ano introducíronse dous novos xogos de campo como a “Mariola” e a “Ferradura”, e en canto aos xogos de taboleiro presentáronse o de “Pechar a casa” e o “Tablut viquingo”, e en habilidades motrices o “Taboleiro de gomas” e as “Figuras de salta á ra con pelotas”. En total foron 25 xogos tradicionais que fixeron as delicias do numeroso público que nos visitou.

Pero o novo deste ano foi que introducimos, como FINAL DE FESTA, unha gran “Carreira da sortella” (xogo por excelencia da época), onde pais-nais e nenos/as a “caballito” intentaban inserir as súas lanzas nas argolas colgadas do pórtico, colocado para tal efecto. Con anterioridade a este xogo global levouse a cabo o presentado o ano pasado da “Piñata” de olas de barro que nenos e adolescentes romperon, cántaros con contidos con agasallos, con auga e con fariña. Máis de medio centenar de persoas intentaron lograr o obxectivo e… ata nos quedamos curtos co material dispoñible. Un éxito total!

Unha vez finalizada a carreira da sortella, o noso director e a vicepresidenta da Fundación Lola Roel entregaron a todos os participantes senllos agasallos, chuches e por descontado a entrega de medallas para os campións (nenos/as e nais/pais) nas dúas modalidades deportivas organizadas.

Os participantes no encontro foron persoas vindas de varias comunidades españolas (turistas), doutros países (emigrantes europeos) e por suposto, moitas de Galicia. As idades dos participantes atopábanse entre os 2 anos ata os 60 anos e todos eles, por suposto, colaboraron a que o éxito total estivese asegurado. Os presentes ao acto lúdico intentaron demostrar as habilidades en cada un dos xogos, xurdindo os “piques familiares e entre amigos”, pero sempre co “xogo limpo” por adiantado e nun ambiente familiar e recreativo.

Desde os estamentos públicos, organización e por persoas en particular, o MELGA recibiu moitas felicitacións da sesión planificada que foi masiva (aínda habendo outras actividades paralelas na festa), moi participativa e dun xeito moi divertido. Supoñemos que este ano, pola gran masa de xentes que pasaron polas estacións de cada un dos xogos expostos, estamos seguros de que superamos e batemos a marca de participación do ano 2025.

Como datos anecdóticos tivemos, en primeiro lugar a gran aceptación que tiveron os novos xogos presentados, pero tamén seguen destacando o xogo da ra, o zurriagazo, o boliche, os zancos e os multiesquís. En segundo lugar, a participación estranxeira na sesión con familias suízas, alemás, inglesas e holandesas que gozaron de abondo cuns xogos tan descoñecidos para moitos deles. A súa alegría e participación foi sen dúbida admirable. Saíron inmensamente ditosos pola sesión realizada! Algúns comentaron que, mentres durasen as súas vacacións estivais polas nosas terras, unha visita estaba asegurada para coñecer o MELGA.

Non podemos, outro ano máis, que dar as efusivas GRAZAS a Riobó, ao concello de Cabana de Bergantiños, a Silvia Losada, a Carlos Sande, a Martín Martínez, ás súas xentes, á organización por contar connosco, pola acollida e agarimo que sempre nos dispensan, polo gran día pasado, pola masiva participación, polo triunfo dos xogos, pola aceptación unánime e pola programación deste acto medievalista organizado e referente en toda Galicia. Informamos de que, desde hoxe mesmo, nos poñemos “mans á obra” para ir traballando, para que a OITAVA edición do próximo ano 2027 sexa superior e con moitas máis novidades que as desta recentemente finiquitada edición.

Vivan os Xogos da Idade Media das Noites do Medievo! Viva Riobó!

Leave A Comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Museo MELGA
Resumo de privacidade

Esta web usa cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecerte cando volves á nosa web e axudar ao noso equipo a entender que seccións da web che resultan máis interesantes e útiles.