I Concurso Exhibición da Chave galega en Ponteceso

Cunha intensa semana de actividades programadas pola Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA), o remate final da mesma culminou coa primeira edición do I Concurso Exhibición de Chave Galega, cuxa organización do encontro deportivo correu a cargo da Fundación RPyV., o MELGA, a Asociación de Xogadores da Chave de Santiago e o Concello de Ponteceso.

O concurso levou a cabo no campo de xogos exterior (terreo de herba) do Centro Cultural do concello de Ponteceso. Puntualmente ás 11,00 h. da mañá deu comezo o concurso, cun tempo inestable, pois se aveciñaba choiva intensa, pero finalmente tivemos unha mañá extraordinaria para a práctica do noso único deporte autóctono existente no noso país galego.

Antes do inicio, como é preceptivo, o xuíz/árbitro da contenda deu comezo ao sorteo aleatorio das parellas, así como a distribución nos dous campos preparados para iso e a composición das ligas paralelas. En total foron 16 parellas, que foron distribuídos en dous grupos (A- B), cuxos seus compoñentes procedían da Coruña, Santiago, Malpica e Carballo. O persoal do cadro de eliminatorias eran 8 parellas, delas clasificábanse 4 parellas e a continuación cruzamento entre os dous grupos, semifinais e a gran final.

O nivel alcanzado pola maioría dos “ chavistas” foi altísimo sobre todo a delegación de Santiago de Compostela, que con 13 compoñentes, deu un recital en todo o concurso. A delegación de Carballo presentaron dúas parellas, A Coruña e Malpica presentaron un só equipo.

Finalizadas as series de tiradas do evento deportivo, os premiados con senllos trofeos doados e entregados polo noso director Ricardo Pérez e Verdes, foron os seguintes: A parella formada por Camilo Rodríguez e Marcos García foron os Campións Absolutos ; os subcampións foron Alfredo Rodríguez e Manuel Brañas e o terceiro clasificado para José Espantoso e Jesús Botana, todos eles de Santiago de Compostela. O equipo campión Absoluto foi para a Asociación de Xogadores da Chave de Santiago. O trofeo foi recollido polo presidente do clube santiagúes Xosé Puente, das mans do noso director.

Como se poderá comprobar polas liñas anteriores descritas, non houbo representación feminina, nin tampouco representación dun equipo de Ponteceso, aínda “xogando en casa”. É incrible! despois de mais de 20 anos da última competición dun equipo pontecesán, gañador dalgunha liga da Costa da Morte, non tivésemos a oportunidade de formar unha parella en todo o pobo de Ponteceso, aínda que se insistiu e tentado por parte da organización do torneo, en moitas ocasións durante estas últimas semanas.

Se isto é anómalo, non digamos a participación de espectadores, pois non tivemos ningún espectador do pobo, todos eran foráneos acompañantes dos xogadores dos equipos. Tampouco ningún representante do consistorio pontecesán.

Parece que aínda non nos demos conta en Ponteceso, que as actividades programadas e organizadas por calquera das nosas institucións son para as xentes do pobo e como sempre os únicos asistentes son de fóra das nosas latitudes. É penoso e desmoralizador! Aínda que… Seguiremos sempre adiante!

Antes do comezo da competición Ricardo Pérez e Verdes, tivo a ocasión de realizar unha visita guiada a todos os participantes do torneo, pois ningún coñecíao persoalmente, aínda que se, polos medios de comunicación. Segundo palabras dos visitantes, estaban asombrados de que Ponteceso tivese un museo destas características e sobre todo tan excepcional. Por suposto, a parada con maior detemento foi a vitrina dos deportes tradicionais galegos, destacando o apartado dedicado á Chave galega.

O equipo compostelán doou para o MELGA un gorro- visera da Asociación, a cal xa se atopa en exposición. Por outra banda, o chavista oriúndo de Ponteceso Fune Ures, que viña representando a Leiloio (Buño-Malpica), achegou tamén do seu equipo persoal, un xogo de ”pellos” moi antigos, que tamén se atopan na vitrina deste deporte.

Como anécdota da xornada foi que, mediada a competición visitounos Eugenio Souto de Tella, ex xogador de chave do equipo pontecesán hai moitos anos, que non puidera vir antes por algúns problemillas de saúde, pero aínda así, fóra de concurso, realizou unhas cantas tiradas á chave, deixando a súa técnica e estilo asombrados a todos os presentes.

Segundo todos os participantes, non deixaron de destacar a magnífica contorna, o espazo para o xogo e sobre todo a excelente organización do Concurso Exhibición. Debido a iso xa estamos a preparar, para as Festas da Barquiña ou para o ano que vén por estas datas, unha competición triangular ou cuadrangular.

Despois do esforzo físico realizado por todos os participantes, repuxéronse forzas nun dos restaurantes pontecesáns, degustando algunhas exquisiteces da zona e finalizando co prato típico dos famosos e exquisitos “callos”. Nas sobremesas, en agradecemento á visita realizada a Ponteceso, Ricardo Pérez fixo entrega a todos os participantes dunha bolsa con toda a publicidade do concello de Ponteceso e do MELGA, así como un pin conmemorativo do magno acontecemento.

Despois do xantar, os xogadores trasladáronse de novo á cancha de xogo, e sendo as 19,00 h. da tarde, todos os participantes deron por clausurado a sesión chavista, pois ata esa hora, realizouse outra competición fóra de concurso e con parellas diferentes.

Os clásicos retos ou desafíos tradicionais!

Unha xornada extraordinaria, eminentemente lúdica, festiva, gastronómica e deportiva!

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.