A Fundación Ricardo Pérez y Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) desexan expresar o seu fondo pesar polo falecemento, onte xoves día 12 do presente mes de febreiro de 2026, de Jesús Alonso Montero, gran exemplo polo seu compromiso na defensa e o estudo da lingua e da cultura galega. Foi Jesús Alonso Montero filósofo, historiador, poeta, investigador, catedrático, galeguista e expresidente da Real Academia Galega. Foi mestre de mestres e por todos coñecido como «o vello profesor».
A relación existente de Jesús Alonso Montero con ambas as institucións vén desde o día 23 de setembro do ano 2015, que da man do noso fundador, en representación da Fundación e o MELGA, tivo a honra de recibilo nas súas instalacións e tras un intenso e instrutivo percorrido polas distintas salas expositivas do Museo, o ilustre convidado (neses momentos ostentaba o cargo de Presidente da Real Academia Galega), asinou no «Libro de Ouro» do mesmo, deixando estas belísimas palabras, en recoñecemento ao labor realizado, as cales continúan sendo un «faro» para o MELGA:
«Entrei escéptico neste museo e saín emocionado (abraiado) non só pola riqueza das pezas senón por reencontrarme, a través da billarda e outros xogos, coa miña infancia no Ribeiro. Tamén me impresionou a cultura e o entusiasmo do seu director Ricardo Pérez, galego, que naceu en Eivissa. Quedo comprometido a colaborar con este museo. Grazas e saúde. Jesús Alonso Montero» (21/09/15).
Ademais, o noso aprecio e admiración vén de lonxe, xa que Ricardo Pérez y Verdes tivo o enorme privilexio de ser o seu alumno en bacharelato, nos inicios dos anos 60, na materia de Lingua e Literatura no Instituto Masculino (na actualidade o IES Lucus Augusti) de Lugo. E segundo el mesmo relata con orgullo, foi un deses profesores que máis pegada deixou naquela xeración de xovenciños púberes, ao ensinarnos e transmitirnos o amor á nosa cultura e patrimonio galego, a través das lecturas das obras dos grandes escritores da terra e inculcándonos, día tras día, que o galego que falabamos, e que por aqueles días estaba proscrito, era unha lingua tan digna como calquera outra.
Quédanos para sempre a súa ampla e valiosa obra intelectual, e ter a honra de compartir a súa amizade durante estes anos e que, grazas á súa bonhomía, aceptase ser embaixador do noso proxecto museístico. Só nos queda transmitir o noso máis sentido pesar á súa familia e amigos, uníndonos profundamente na dor pola súa perda. Ata sempre, o noso vello e querido profesor!

Español





Leave A Comment