Este pasado martes (19/05/26), coa visita guiada matinal que realizou o CPI Bembibre – Val do Dubra, tivemos o pracer de recibir, ao mesmo tempo que o centro docente, no Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), ao alumno Martín Cubillas Fernández, estudante do último curso do Grao en Educación Primaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Facultade de Lugo, que viña titorizado pola profesora Isabel Romero Tabeayo da área Didáctica da Expresión Musical da mesma universidade.
Foi unha oportunidade única visitarnos no día que, casualmente un grupo da súa área de estudos, atopábase entre nós, para comprobar como se desenvolve unha unidade didáctica (visita guiada) no noso museo, baixo a dirección-guía de Ricardo Pérez e Verdes, director do centro museístico. Era un dos puntos para tratar no seu estudo investigativo. O seu estudo leva por título: “O xogo tradicional como recurso socioeducativo e musical: unha aproximación desde o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA)”. Devandita análise de Fin de Carreira, servirá para que un Tribunal Académico Universitario o avalíe e con iso, poida obter o título de Grao.
A pretensión de Martín, non era outra que realizar un traballo inédito en Galicia. Un estudo moi orixinal enfocado sobre tres piares: o mundo do xogo tradicional, o sistema lúdico educativo e a música-xogo dentro da currícula escolar. En definitiva pretende analizar o valor educativo, cultural e social do xogo tradicional tomando como referencia o caso do MELGA e o seu fundador-creador. Non faltaron coller apuntes de todo o que alí se propuña, captar imaxes das diferentes pezas expostas, preguntas e inquedanzas, etc… ¡unha mañá moi produtiva!
Despois dunha intensa mañá de traballo teórico-práctico co grupo escolar, pola tarde, continuouse traballando neste caso, buscando referencias bibliográficas e dando contestación, ás preguntas formuladas por Martín, nunha longa entrevista (máis de 100 preguntas) a Ricardo Pérez sobre a súa biografía, os seus estudos universitarios, a súa vida docente e por descontado a súa vida lúdica e deportiva.
Para a nosa Fundación e o MELGA, sinceramente, é unha enorme satisfacción, que mozos universitarios se preocupen polo noso Patrimonio Lúdico e Inmaterial de Galicia (tan esquecido en moitas ocasións). Co noso visitante, este será o sexto traballo investigativo que se leva a cabo sobre o noso museo, obtendo brillantemente, devanditos catro estudantes (Grao e Licenciatura) e doutorandos (2), a máxima cualificación “cum laude”, nos seus respectivos estudos. Neste caso, Martín, estamos seguros, que nos levará a un alto grao do saber.


Español





Leave A Comment