Estes últimos días do mes de maio-26, Ricardo Pérez e Verdes, do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) e a Fundación que leva o seu nome, foi protagonista en varios acontecementos e medios de comunicación, dignos de destacar pola importancia dos mesmos.
Primeiramente, o noso director foi entrevistado, a través dunha extensa charla (máis de 80 preguntas) sobre a súa biografía (docente, deportiva, museística, retos, futuro, o MELGA, a Fundación,…), para o desenvolvemento do traballo investigativo de final de carreira (TFC) do alumno Martín Cubillas Fernández, estudante do último curso do Grao en Educación Primaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Facultade de Lugo, que viña titorizado pola profesora Isabel Romero Tabeayo da área Didáctica da Expresión Musical da mesma universidade, para a obtención do seu Grao.
En segundo lugar, tivo a ocasión de contestar a outra ampla entrevista (22 preguntas), para a Revista “Cultura Rural” do XII Encontro Internacional de Xogos Tradicionais Ribera do Douro da Comunidade de Castela e León. Neste caso, a temática para desenvolver foi o mundo dos museos nas súas diversas versións sobre o xogo; os xoguetes; o deporte na súa faceta popular ou tradicional; os museos e o turismo; política e xogo; apoio institucións públicas; gastronomía e folclore lúdico; pasado, presente e futuro dos museos de historia dos xogos e deportes tradicionais, etc. A difusión da revista, alén de España, distribuirase a Portugal, Bretaña, Francia, Italia e Croacia, representantes presentes no congreso.
E finalmente, no Correo Galego de Santiago de Compostela, no seu apartado de Opinión. Páx.3, aparece un Cadro de Honra cun panegírico, titulado “Un valedor do patrimonio Lúdico”, onde se nomea ao noso director-fundador, na que expresa o seguinte:
“Ricardo Pérez e Verdes. Como especialista en xogos tradicionais, Ricardo Pérez e Verdes, director do Museo Etnolúdico de Galicia, con sede en Ponteceso, sabe moi ben o que é superar carreiras de obstáculos, El mesmo segue inmerso nunha delas para manter vivo un proxecto que viu a luz en 2023 e que e que, a pesar de ser un referente en Galicia e máis aló, continúa sen lograr todo o apoio que precisa. Aínda así, Ricardo, é desas persoas que nunca se rende e, contra vento e marea, traballa cada día para acrecentar as coleccións do Melga con pezas únicas. Algunhas son auténticos tesouros, como a recentemente adquirida casa de bonecas do século XX construída por un médico de Santiago para unha das súas fillas. Unha proba de amor tan grande como o que Ricardo sente por un museo que tamén é único”.
Temos que comentar que Ricardo, desde a inauguración das nosas institucións, alá no 2013 (12 anos), tivo a honra de aparecer neste apartado en seis ocasións, por tanto, esta sería a súa sétima aparición. Sen dúbida é unha gran honra e orgullo para todos nós.
Felicitacións e parabéns, Ricardo!


Español





Leave A Comment