O ANPA do CEIP Rosalía de Castro de Tarrío visita o Melga

Preto de corenta persoas do Anpa Rosalía de Castro do CEIP. de Tarrío (A Coruña) desprazáronse, hoxe venres 17 de maio “ Día das Letras Galegas” ao concello de Ponteceso, para realizar por primeira vez unha visita guiada ao Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA), tamén neste caso, o concello de Culleredo visitábanos por primeira vez.

O desprazamento e vinda ao MELGA foi organizada pola “Asociación de Pais e Nais” do centro e estaba formada ao 50% por alumnos/ as e por familiares dos alumnos e alumnas do centro, que viñeron coa súa profesora-titora María Isabel González Saavedra que exercía de coordinadora do grupo. Grupo moi heteroxéneo que as súas idades comprendían desde os 5 anos ata os 65 anos. A xornada foi completa (10,30 h. a 18,00 h.), pois aproveitaron o día para coñecer as nosas terras pondalianas, xa que a maioría dos visitantes nunca estiveran en Ponteceso.

 

O ANPA do CEIP Rosalía de Castro de Tarrío visita o Melga

 

Despois de tres horas de visita guiada, atentos ás explicacións dadas polo guía, as prácticas dos xogos e deportes tradicionais, recomendóuselles por parte da dirección do museo, que podían aproveitar a súa vinda a Ponteceso, para achegarse á aldea do Couto para asistir ás actividades programadas polo FESTILETRAS e de paso xantar no recinto do festival. Cuestión que aceptaron de inmediato. Tiñan pensado a continuación o trasladarse á praia de Balarés e a Corme, pero debido ao tempo intempestivo do día amencido, tiveron que desistir e cambiar dita excursión da tarde, pola visita ao Dolmen de Dombate do concello veciño de Cabana de Bergantiños, despois de instarlles pola nosa banda á devandita visita.

Outro encontro interxeracional, que ata a data tantas satisfaccións deunos, os visitantes comentáronnos que ían encantados de coñecer Ponteceso e o MELGA e debido á gran acollida recibida e o ben que o pasaran no museo, reservaron “in situ” outra excursión para o domingo día 26 do presente mes de maio e de contar con mellor tempo, gozar dos arredores que non puideran realizar nesta ocasión.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.