Esta fin de semana, o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), a través do noso fundador e director-guía Ricardo Pérez e Verdes, foi convidado a un programa radiofónico máis aló de «allende os mares atlánticos». O programa radial foi o número 259, que se emitiu en directo en RADIO ABC, pertencente á Voz da Asociación Benéfica Cultural (ABC) do Partido de Corcubión de Bos Aires (República Arxentina). A idea e condución do programa correu a cargo do locutor, presentador e músico Daniel Alejandro Pazos.
O 26 de agosto de 1922 (hai 103 anos), un grupo de emigrantes naturais dos municipios do partido xudicial de Corcubión que residían en Bos Aires, reuníronse para constituír unha asociación con fins agraristas e instrutivos. Nacía así a Asociación Benéfica Cultural, máis coñecida como ABC, do Partido de Corcubión, que na actualidade continúa intensamente activa. Esta centenaria asociación chegou a ter 5.000 socios na década dos 50, e entre os seus labores teñen a defensa e loita pola modernización da terra de partida, pero tamén a protección e apoio mutuo ante as dificultades que atoparon no país de acollida. Outro dos fins era o papel das mulleres no desenvolvemento na organización de actos, unha acción que se canalizou sempre desde a «Comisión Feminina». Tivo dúas publicacións importantes: «Alborada» e a «Historia de ida e volta», que se manteñen na actualidade, grazas ao Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración (SXE) e o Arquivo da Emigración (AE).
Destaca a súa contribución social á educación dos nenos e nenas da comarca, algo esencial para o seu porvir laboral e económico. Destacaron e aprobaron un ambicioso plan para construír 9 centros escolares, aínda que ao final foron 4, denominados «As escolas da Emigración». A primeira escola fundada pola entidade foi na aldea de Nemiña (Muxía). Unha parte importante da docencia curricular escolar era a transmisión e difusión dos enredos, os xogos e deportes tradicionais e diversións das xentes da Costa da Morte de principios do século XX. Por iso, a temática que Daniel nos expuña era desenvolver unha extensa entrevista no seu programa «con paciencia, coma se estivésemos a tomar un café nun bar», sobre: «Cales eran os xogos e xoguetes dos nosos avós, os seus nomes e as súas normas regradas de Galicia, especialmente da Costa da Morte, de principios do século XX?».
Daniel é un arxentino nado no Centro Galego de Bos Aires, como di el, aínda que de ascendencia pontevedresa (Campañó) e sen dúbida orgulloso «Alma Galega». Escoitou música galega desde o «bandullo» da súa nai e por iso fíxose gaiteiro en especial e músico en xeral. Un mestre virtuoso da arte da gaita galega. A súa alma galega débello aos seus bisavós, avós e pais, aos cales idolatra, que foron os transmisores daquelas xentes que emigraron, hai máis de cen anos, ás terras porteñas. Hoxe en día é un divulgador nato do Patrimonio Cultural de Galicia, a través do seu coñecido programa de radio.
Con máis de dúas horas de charla, non deixamos de falar da Costa da Morte (Corcubión, Pontevedra, Ponteceso…), dos xogos e deportes tradicionais, analoxías de nomes galegos-arxentinos, da aculturación, das súas regras e regulamentos, as súas paisaxes, gastronomía, monumentos, música e bailes folclóricos, etc. pero sobre todo, moi profusamente do MELGA, que por iso recibiramos a invitación. Como era de esperar, en moitas ocasións da conversación, como correspondía, «Falamos Galego». Unha xornada matinal moi enriquecedora e morriña por milleiros.
Para finalizar, temos que agradecer inmensamente ao delegado da edición de Carballo de La Voz de Galicia, Xosé Ameixeira, porque parece ser que el foi o artífice do contacto entre Daniel Alejandro e Ricardo Pérez e Verdes, para a formulación e a organización da entrevista. Grazas Xosé, por facer que o MELGA sexa coñecido neste momento noutro recuncho máis da Terra!

Español





Leave A Comment