Outro ano máis no Melga de Ponteceso, a Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela

Os alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, de novo déronse cita no Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA), e van catro anos consecutivos, para realizar a visita guiada programada polo centro universitario. Cita anual obrigada.

Como todos os anos anteriores, os futuros docentes pertencían, por primeira vez a dous grupos diferentes, uns da materia de Experiencias e Recursos en Educación Social (3º de Educación Social) e o outro grupo pertencían á materia de Deseño e Elaboración de Materiais Didácticos (4º curso de Grao de Mestres) e viñan acompañados polo seu profesor da materia Jesús (Suso) Rodríguez. Suso é profesor de ambas as materia da facultade e ao mesmo tempo é o director da Revista Galega de Educación, publicación da Nova Escola Galega. Este ano o grupo universitario foi o máis numeroso xa que superaron con fartura os 70 compoñentes. Tamén como os anos precedentes a maioría de estudantes eran da rama feminina e soamente 5 alumnos da rama masculina.

Mais de tres horas de visita, todos eles esforzáronse en realizar e practicar os xogos que se lles propoñían, aínda que ao principio foron un pouco remisos, pois parece ser que non eran moi habilidosos e non practicantes dos mesmos e non desexaban poñerse en ridículo. Iso cambiou ao momento, pois a medida que entraba a visita nos seus momentos case finais, só desexaban continuar practicando os xogos, concursando e retándose entre compañeiros. Polo seu interese futuro profesional as imaxes captadas polos seus móbiles, os seus apuntamentos, as súas dúbidas, etc. non deixaron de funcionar en ningún momento da sesión lúdica. Unha xornada destacable, animada e moi proveitosa para os seus futuros ensinos e coñecementos.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.