Esta fin de semana, os 6, 7 e 8 do presente mes de febreiro-25, Lola Roel (vicepresidenta da Fundación) e Ricardo Pérez e Verdes, presidente e director do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), desprazáronse ao veciño país de Portugal, para participar no «I Congreso Internacional sobre o Brinquedo. Brinquedo, Patrimonio e identidade Cultural: vínculos de historia e memoria colectiva».
Este primeiro congreso internacional tivo lugar na bela cidade de Ponte de Lima (Viana do Castelo), con motivo da celebración dos 900 anos da vila, no Auditorio dos Pazos do Concello e estivo patrocinado pola Cámara Municipal e organizado polo Museo do Brinquedo Portugués, baixo a tutela e planificación das doutoras Ana Carneiro e Luisa Jorge, directora e coordinadora da devandita entidade.
A participación presencial foi moi numerosa, ao redor de 200 persoas, así como o número de relatores, que superaron os 40 conferenciantes, todos eles dun gran nivel e verdadeiros especialistas nacionais e internacionais no tema fabricante de xoguetes. Reuniu a investigadores, coleccionistas, empresarios fabricantes de xoguetes, museos, universidades, etc. O extenso programa incluíu 9 paneis ou apartados temáticos con comunicacións científicas, presentación de libros e debates. O horario establecido para os poñentes e mesas redondas do congreso foi, na ampla xornada, desde as 9,30 h. da mañá ás 20,00 h. da tarde-noite.
Destacamos os conferenciantes seguintes por parte do país portugués: José Manuel Lopes presidente de APPI (Asociación Portuguesa para o Patrimonio Industrial e profesor Universidade de Miño; Joao Amado fundador do museo Escola do Brinquedo Tradicional Popular de Loreiro-Cernache (Coimbra); Rosa Varela profesora de antropoloxía e paleontoloxía da Universidade Nova de Lisboa; Mario Varela académico de historia e Belas Artes de Lisboa; Isabel Tissot investigadora da Universidade Nova de Lisboa; Tiago Bragança Arquitecto e fundador do Atelier Mesteres de Ribeirinho; Julio Penela empresario de fabricación de brinquedos portugueses; Manuel Magalhaes deseñador industrial e fundador de NOC Estudos brinquedos de madeira; Salvador Patricio presidente do Museo do Brinquedo de Caramulo; Artur Rosa, técnico do Museo do Brincar Municipal de Vagos; Ana Carneiro directora do Museo do brinquedo portugués de Ponte de Lima; Manuel Miranda coleccionista e investigador da historia do comercio do brinquedo en Portugal; Francisco Janeiro coleccionista e fundador do museo «O Peón» en Trindade (Beja); Teresa De Almaida directora do Museo Biscainhos, dirección Rexional de Cultura do Norte; Catarina Paiva, Xefa da División da Cultura e Turismo do Municipio de Valongo; Magdalena Cunhal e María Fonseca do Museo do Concello de Seia; Adelia Santos directora da Casa do Brinquedo e Brincadeiras do Algarve; Carlos Magalhaes profesor e coleccionista de brinquedos portugueses; Victor Martíns funcionario público e coleccionista; José Manuel Soares fotógrafo, profesor e coleccionista; Luisa Magalhaes profesora da Universidade Católica Portuguesa de Braga e María Elvira Callapaz investigadora de Centro Interuniversitario de Historia da Ciencia e a Tecnoloxía de Lisboa.
Presentáronse dous libros importantes sobre os xoguetes, un do profesor Joao Amado co título «Brincar ao arco e a Ródinha mágica dentro de estórias gregas e romanas» e dúas obras colectivas de Antonio Jorge Nunes, Américo de Sousa, Carlos Marqués e Victor Ferreira cuxo título é «A arte de fabricar Brinquedos em Portugal: o brinquedo de plástico» e «A arte de fabricar Brinquedos em Portugal: a contribución de Alfena e Ermesinde».
Hai que destacar que Galicia, nesta ocasión, a participación foi moi importante, xa que estiveron presentes todos os museos galegos con referencia a esta temática exposta no congreso sobre o Xoguete, a excepción do MELGA e a AGXPT, que representaban ademais do elemento do brinquedo, sobre todo ao mundo do xogo tradicional e popular. Os representantes foron: Antonio Manuel Chaves, director do Museo Galego do Xoguete de Lalín (Pontevedra); Juan Antonio Seara coordinador do Museo Galego do Xoguete de Allariz (Ourense); José López e José Manuel García fundadores do Museo o Recuncho das Argalladas de Vilanova de Lourenzá (Lugo); Antón Cortizas, escritor e investigador de xogos e deportes tradicionais galegos de Ferrol; Paco Veiga e José Manuel (Charrancas) Martínez da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) de Melide e Lola Roel e Ricardo Pérez do MELGA de Ponteceso, ambas da Coruña. Todos membros do Observatorio do Patrimonio Lúdico de Galicia. Por primeira vez, as catro provincias galegas estiveron representadas.
Como dato anecdótico, a nosa presenza no congreso, Ricardo e Lola, non deixaron pasar a ocasión, como fan sempre, sen promocionar o noso MELGA e a vila de Ponteceso, achegando folletos para todos os congresistas (máis de 100 repartidos, porque se nos esgotaron) e convidándoos a todos eles que nos visiten cando o dispoñan. Estamos seguros, que moi pronto, producirán efecto os intercambios museísticos, xa que estiveron presentes entre todos os congresistas. ¡Unha boa e futura Irmandade!
Esta primeira edición sobre o Brinquedo, en Ponte de Lima (Portugal), pretendeu afirmarse como un marco no recoñecemento do mesmo, en canto a símbolo de Patrimonio e Herdanza cultural, reforzando os lazos entre investigadores e sociedade, valorizando o seu papel na historia colectiva portuguesa e universal e promovendo a colaboración interdisciplinar e o profundo coñecemento sobre o papel do xoguete na construción da memoria e a identidade das comunidades. Sen dubidalo, un dos mellores encontros asistidos durante moitos anos sobre o mundo do xoguete. ¡Felicitacións aos organizadores e patrocinadores! Inícianse os preparativos para o II Congreso Internacional do Brinquedo para o ano 2027, ben en Portugal e quen sabe, en Galicia.

Español





Leave A Comment