Primer intercambio cultural Fundación-Melga co Pazo de Soutomaior de Xornes-Ponteceso (A Coruña)

O domingo pasado pola mañá, foi un día especial para a Fundación e o MELGA, ao levar a cabo o primeiro intercambio cultural entre tres entidades do concello de Ponteceso. O noso presidente-director Ricardo Pérez e Verdes e a súa esposa Lola Roel, foron os invitados de excepción para coñecer o magnífico Pazo de Soutomaior ou tamén coñecido como a Casa Nova do Pombal (propiedade privada non visitable), do gran pintor ferrolán Fernando Álvarez de Sotomayor, situado en Sergude na parroquia de Xornes-Ponteceso (A Coruña).

Os anfitrións, que realizaron a visita de forma guiada, foron o seu neto Fernando Álvarez de Sotomayor León e a súa esposa Carmen do Roda Toro, propietarios na actualidade da leira . En cada unha das estancias da casa (habitacións, estudo, lareira, cociña, biblioteca, louzas, mobles,…), onde o pintor desenvolveu a maioría dos seus cadros, existía un representativo, cos seus obxectos , adornos e detalles que posuía o artista cando os pintou e que hoxe podemos observar “in situ” da mesma maneira que se atopan no lenzo que lle serviu de inspiración ao seu avó. Espectacular! Ademais dos lenzos que adornan os espazos habitacionais, esparexidos por todos os recunchos da casa, atópanse colgados das súas paredes numerosos trofeos de pezas de caza cobradas en monterías ao longo de toda a xeografía nacional e en ocasións no estranxeiro.

Despois de finalizada a visita, nos xardíns do Pazo, rodeados de carballos e piñeiros centenarios, fomos agasallados cun xantar campestre. Finalizado o mesmo, durante a sobremesa, Fernando e Carmen, deron a gran sorpresa a Ricardo Pérez e Verdes, obsequiándolle con algúns elementos de caza e pesca, como doazón ao MELGA, para que os mesmos fosen expostos nas vitrinas do museo. Unha inesperada e magnífica sorpresa e ao mesmo tempo un gran detalle pola súa banda e por descontado unha gran honra o posuír, desde ese momento nos fondos da Fundación, algunhas pezas pertencentes á insigne familia Soutomaior. Unha xornada memorable de arte cinexética, pesqueiría e sobre todo de pintura.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.