Coa celebración do «Día da Infancia», por expresa invitación do seu director José Ramón Gayoso, o director do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), Ricardo Pérez y Verdes, foi convidado ao programa «LUAR» da televisión galega para conmemorar esta noite do venres e, aproveitando as próximas festas de Papá Noel e dos Reis Magos, presentar algúns dos xogos tradicionais típicos galegos tanto para nenos como para adultos.
Para ambientar a sala de gravación, por parte do museo pontecesano seleccionáronse e achegáronse as diferentes variedades de xogos como o sapo, a ra, o zurriagazo, os birlos, o zueco… Unha selección de pezas que se atopan nas vitrinas expositivas do museo.
Nesta sesión televisiva, a estrela da gala foi o cantautor asturiano Víctor Manuel, que nos deleitou coas súas famosas e entrañables melodías. Nesta ocasión, por problemas persoais, o presentador oficial da gala José Ramón Gayoso, quen estivo ausente, foi substituído polo humorista Roberto Vilar e ao seu lado estiveron a presentadora Aitana do Mar e a humorista Sabela Grilo (María Foscaldo).
Durante as dúas horas e media de espectáculo, os xogos estiveron presentes no escenario e nos momentos de descanso e publicidade; o público presente, así como moitos dos invitados, técnicos e presentadores, probaron as súas habilidades en todos os xogos presentados. Por descontado, coas indicacións de Ricardo, Víctor Manuel gozou do xogo dos birlos e da ra, aínda que comentou «que el era máis do fútbol, que dos xogos tradicionais da súa terra».
Con motivo da actuación do grupo santiagués de nenos e nenas da Escola Cantigas e Agarimos e sendo este o Día da Infancia, o grupo aproveitou para xogar un intre cos xogos seleccionados, moi curto, xa que tiñan que ausentarse polo avanzado da noite para eles. Outro dos invitados presentes foi o escritor venezolano Boris Izaguirre, quen fixo os seus primeiros lanzamentos no xogo da ra. Aitana e Sabela encerelláronse bravamente no xogo do zurriagazo e Roberto no xogo dos birlos. Unha noite moi lúdica e divertida!
A de hoxe, venres 12 de decembro, foi a sexta participación de Ricardo Pérez y Verdes no programa, que levou a cabo a través dunha pequena charla sobre os xogos tradicionais expostos para a ocasión, ademais da creación do MELGA, do balance alcanzado neste ano 25, das nosas actividades e propostas para o novo ano 2026 e, sobre todo, para convidar a todos os presentes a coñecer un orixinal Museo do Xogo e do Deporte, situado no concello de Ponteceso (A Coruña), do que estamos seguros non quedarán defraudados.
Ánimo e esperámolos! Bo Nadal a todos!



Español






Leave A Comment