Onte venres día 10 do presente mes de abril, ás 19:00 h. en O Couto, na sede da Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, levouse a cabo a presentación dunha nova proposta para estas próximas datas vernais. A proposta estivo promovida pola Fundación Eduardo Pondal e o Concello de Ponteceso, e trataba de poñer en valor o patrimonio cultural, lúdico, educativo, gastronómico, monumental e turístico do municipio pontecesán na estación primaveral deste ano 2026. O nome do devandito proxecto leva por título «Roteiros dos sentidos: da pedra ao mar».
Nesta primeira convocatoria oficial, estiveron presentes José Manuel Mato alcalde de Ponteceso, José María Varela presidente da Fundación Eduardo Pondal, Alfonso Gómez alcalde da cidade suíza de Xenebra, Xosé María Varela investigador do patrimonio, Suso Lista guía turístico e Ricardo Pérez e Verdes director do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) e presidente da Fundación que leva o seu nome.
Os obxectivos da proposta que se pretende poñer en marcha unen a divulgación educativa, experiencia cultural e promoción turística sostible, e ofrecerá tanto para o alumnado de centros docentes de toda Galicia, como para público en xeral, un percorrido polos principais museos, espazos naturais e culturais do municipio.
O itinerario que sostén este «Roteiro dos sentidos» integra distintas dimensións do patrimonio pontecesán: literaria, científica, pictórica, etnográfica ou xeolóxica. Hai no noso municipio referencias como Eduardo Pondal, Isidro Parga Pondal, Mourelle da Rúa, Manuel Pailos, José María Mosquera Manso, Álvarez Sotomayor, etc., e os seus tres eixos son: o educativo, chegando a un coñecemento do territorio desde unha perspectiva interdisciplinar; turístico-cultural, ofrecendo unha experiencia de calidade e sostibilidade, integrando recursos locais como a gastronomía ou os servizos no desenvolvemento das actividades.
O «Roteiro» viviríase en xornada completa, mañá e tarde, desde as 10:00 h. ata as 18:00 h. aproximadamente. O enfoque da xornada tería dúas vertentes diferenciadas: unha para escolares, con unidades didácticas previas, xogos e actividades no campo con talleres especializados e outra para persoas maiores, afondando nas biografías dos nosos ilustres conveciños, contacto con oficios tradicionais ou reservando tempo para as degustacións e o mundo folclórico e os seus bailes tradicionais.
Todas aquelas persoas interesadas na devandita actividade, así como centros docentes, agrupacións, asociacións, axencias de viaxes, etc., poden contactar co Concello de Ponteceso, a Fundación Eduardo Pondal, o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) ou o Museo de Arte Contemporánea.
Para maior información e reservas: 981 71 40 00 (Concello) ou 981 71 45 24 (Fundación Eduardo Pondal) ou Suso Lista (626315083), en horario de 10:00 h. a 14:00 h.

Español





Leave A Comment