Unha Semana Santa anodina de visitas no MELGA e noutros museos da Costa da Morte

Outro ano máis, o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), abriu as súas portas en Semana Santa para dar un servizo museístico a todas aquelas persoas interesadas en coñecernos. Os horarios de visitas neste período vacacional foron: xoves, venres e sábado en dobre xornada, matutina e vespertina, de 11:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 19:00 h., e o mércores e domingo soamente en xornada matinal de 11:00 a 14:00 h. Soamente foron visitas por libre ou privados e unha visita guiada o Sábado Santo pola tarde.

O inicio da Semana Santa, en toda a Costa da Morte, por motivos meteorolóxicos (un tempo excepcional), a crise dos combustibles, a cancelación a última hora de reservas hoteleiras dos turistas, a guerra, etc…, como podemos imaxinarnos, os agoiros eran sinceramente pesimistas e así foi, case se pode dicir que foron testemuñais as visitas que tivemos este período no MELGA, sen dúbida, moi diferente ao período anterior, pois conseguiramos a marca máxima de visitantes de todos os anos anteriores.

Así mesmo, o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), aínda non estando satisfeitos, podemos comentar que nos visitaron menos persoas que o ano anterior, pero alcanzamos finalmente un pouco máis dun centenar de persoas (110 persoas), sendo un 50 % menos do ano 2025. Comentando devandita circunstancia con outros museos da zona, a situación foi moi parella á nosa. Pero sempre dicimos… aínda que tivésemos «unha soa persoa», sempre é un orgullo para todos nós que saiban que en Ponteceso temos un museo do xogo e do deporte.

Os grupos visitantes procedían na súa maioría da provincia coruñesa: Carballo, Carral, Malpica, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Ordes, Boiro, Arteixo, A Coruña e Ponteceso; da provincia pontevedresa: Vigo, e da provincia lucense: Lugo. Doutras comunidades autónomas españolas e participación estranxeira non tivemos visitas. Temos que destacar que nesta ocasión os veciños de Ponteceso destacaron coa súa presenza. Polo xeral as persoas que nos acompañaron nalgunhas das xornadas planificadas de Pascua, era a súa primeira vez en visitarnos, pero tamén había algunhas delas que xa repetiran en dúas ou en tres ocasións. Sen dúbida, as visitas foron de carácter familiar de pais, nais, avós e nenos en xeral e dunha contorna de proximidade.

Os membros da comunidade museística, atopámonos moderadamente compracidos por ter a oportunidade, outro ano máis, por estas datas tan salientables, de ampliar o noso horario en xeral, para dar visibilidade ao noso Museo do xogo e do deporte, que como é sabido de todos, é na actualidade un referente en canto a museos desta modalidade lúdica e inmaterial en Galicia, España e no mundo.

Sentímonos enormemente agradecidos polas palabras dedicadas no noso Libro de Visitas dalgúns dos visitantes: «Por coñecer un museo tan especial»; «Por facernos volver ao pasado»; «Polo ben que o pasamos»; «Pola amabilidade e atención das súas guías»; «Pola cantidade de xoguetes e pezas en exposición»; «Por facernos pasar unha mañá ou unha tarde enteira sen darnos conta como se nos ía o tempo rapidamente»; «Cita indispensable para coñecer este orixinal museo».

O Sábado Santo pola tarde, fixo unha parada no MELGA, despois de visitar o Castro de Borneiro e o Dolmen de Dombate do veciño municipio de Cabana de Bergantiños, o grupo de profesores de Educación Física (primaria, ESO, Secundaria, FP, Universidades, etc.), de varias provincias (Toledo, Madrid, Tarragona, Sevilla, Ceuta, León, Palencia, Segovia, Huelva e A Coruña) e comunidades españolas, que se atopan realizando unhas «IV Xornadas Nómades Nacionais» en Dexo-Serantes – Oleiros (A Coruña), organizada pola Rede Estatal Educación Física na Natureza (REEFNAT) e o Centro Nacional de Educación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica (CENEAM).

Por desgraza, a visita foi inmensamente rápida, moi curta, é dicir, unha «visita de médico», pois non dispoñían de tempo, xa que pola xornada de mañá e tarde que tiveran por toda a contorna, atopábanse esgotados, sobre todo os nenos e nenas acompañantes. Con enorme desgusto, despedíronse de Ricardo Pérez, comunicándolle que se algunha vez volvían polas nosas terras galegas, deixarían reservado un día ao completo para visitarnos e desfrutar dunha visita guiada en condicións óptimas, co noso guía. Sen dúbida, unha visita testemuñal.

Como curiosidade, tivemos uns representantes (matrimonio e un fillo) da cidade autónoma de Ceuta, pois agora só nos queda por coñecernos a cidade autónoma de Melilla, para completar a totalidade de Comunidades e Cidades Autónomas que existen en España. Marabilloso e Recoñecidos!

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.