Un grupo de maiores de Ponteceso chega ao MELGA para realizar unha visita guiada pola primeira vez

Fai 12 anos que o Museo Etnolúdico de Galicia, máis coñecido como MELGA, iniciou a súa andadura no mundo museístico galego. Dende esa data (2013) ata hoxe (2025) non tíñamos recibido a ningún grupo da localidade pontecesana para realizar unha visita guiada. Por fin, con moita alegría y gran satisfacción, recibimos no día de onte, pola tarde (18,00 h), a un grupo de maiores da Asociación de Amas de Casa da parroquia de Ponteceso.

Conformaban a expedición preto dunha corentena de persoas que oscilaban entre os 60 e 80 anos de idade. Na súa maioría eran mulleres, xa que a participación do sexo masculino, estaba representado soamente por 6 homes. Toda a actividade da xornada fora programada pola presidenta da asociación dona Aurora María Jorge, “alma mater” da asociación. 

Durante a visita á exposición exterior do Centro Cultural dos once murais de azulexos confeccionados por alumnos, alumnas e profesores dos diferentes centros escolares da zona de Bergantiños, a presidenta da asociación, fixo entrega de dúas bellísimas bonecas de millo e dous monicreques a Ricardo Pérez e Verdes, o noso guía-director, para a súa posible exposición nas vitrinas do museo. Cuestión que de inmediato foron situadas nas vitrinas correspondente para observalas por todos aqueles que nos visite. Ditas pezas foron confeccionadas por dona Aurora. Gratitude infinita. 

Aínda que a visita estaba planificada para unha curta duración (máis ou menos para unha hora), a mesma prolongouse a case dúas horas. Con este tempo limitado só puidemos observar e percorrer a primeira sa, a que corresponde aos “Xogos e Deportes Tradicionais de Galicia, outras comunidades e do mundo”. Mellor… deixar a outra sala para unha nova ocasión. Desexamos que non deixen pasar moitos anos como esta primeira vez. 

O tempo viña condicionado á segunda parte da visita programada pola Asociación, xa que a continuación da mesma, programouse un pequeno “Magosto”, con doces da época e, por suposto, non podían faltar as “protagonistas” das castañas asadas. Por algúns problemas protocolarios, o magosto que deberiamos efectuar a continuación da visita guiada nas instalacións do centro cultural e museo, a xornada festiva-gastronómica situouse no local da propia asociación. Unha gran xornada lúdica-festiva-gastronómica con moita brillantez. Grazas a todas as asociadas que levaron a cabo esta xornada tan extraordinaria e satisfactoria. 

En canto ás visita guiada as opinións dos asistentes foron en grao sumo afagadoras tanto para o museo como para o guía. Non pararon de comentar: “ Non sabía que existise un museo en Ponteceso”, “ Un museo digno de ver”, “Como puidemos tardar tanto en coñecelo”, “Que cantidade de pezas!”, “Temos que repetir a visita guiada”, “Cantos recordos da infancia!”, “Foi moi emocionante”, “Ricardito (algunhas persoas séguenme chamando así) está en forma”, “Que bo animador e motivado está coa súa idade!”, “!Pasounos a visita moi rápida!”, “Moito aprendemos das explicacións recibidas do enorme Patrimonio que temos en Galicia e que descoñeciamos!”, etc…

 Unha excelente combinación para unha xornada nova no MELGA: 

Festa e Cultura! Gastronomía e Xogo!

Que máis se pode pedir.! Parabén por esta velada tan marabillosa!

Membros da Asociación de Amas de Casa de Ponteceso xunto a Ricardo Pérez y Verdes no Museo MELGA

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.