A Universidade de Vigo regresa a unha visita guiada ao MELGA despois de dous anos de ausencia

Hoxe luns día 27 de abril-26, en xornada matinal, tivemos o inmenso pracer de recibir, por segunda vez (2024) á Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte da Universidade de Vigo (Pontevedra) do devandito campus universitario.

Nun día espléndido e un longo percorrido para chegar ás nosas terras pondalianas, o grupo compoñíano máis de sesenta (62) alumnos e alumnas de 3º curso (19 a 23 anos) de Educación Física, da materia de Xogos e desenvolvemento curricular, cuxo titular e director do Departamento é José María (Chema) Pazos, coordinador da actividade e representante da universidade pontevedresa, antigo alumno do director do museo Ricardo Pérez e Verdes, na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física (INEF-Galicia) da Universidade da Coruña, nos anos noventa. Nesta ocasión tamén viña acompañado Chema por Luis Gonçalves, profesor asociado da UFSCan-Brasil, e un alumno Lun Che Li da Universidade de Taiwan, que estaba a realizar as prácticas de Erasmus.

Despois de moitos “intentos” para desprazarse a Ponteceso para visitarnos por problemas administrativos institucionais, a situación favorable non se fixo realidade ata o ano 2024, que viñeron por primeira vez, pois o ano pasado polos consabidos problemas por mor da intervención cirúrxica do noso director-guía non se puido levar a efecto. No día de hoxe cun numeroso grupo (dobre do ano anterior) achegáronse de novo para visitarnos por segundo ano e esperan continuar por moitos anos nesta cita anual xa establecida, polo que resulta para os seus coñecementos no mundo da educación física, os deportes e os xogos tradicionais e modernos.

Con máis de tres horas de percorrido por ambas as salas do MELGA, os compoñentes do grupo escoitaron moi atentamente as explicacións e a dirección dos diversos xogos programados para a ocasión, pois dentro da súa currícula, esta sección de historia dos xogos e deportes tradicionais son coñecementos básicos para a transmisión dun ensino global para os seus futuros discentes.

Segundo palabras dos asistentes, a xornada fora extraordinaria e que lles “soubera” a pouco, pero esperaban máis adiante profundar na devandita entidade museística para realizar algún traballo de fin de carreira, preparación de oposicións ou algunha unidade didáctica no presente moi próximo. Todos estaban perplexos de que houbese en Galicia un centro desta categoría na nosa vila de Ponteceso. A viaxe pagara a pena!

Curiosamente, como adoita pasar noutras facultades galegas, a maioría dominante do alumnado eran da rama feminina (35), xa que soamente eran cinco alumnos da rama masculina. Despois de finalizada a intensa e extensa visita guiada, o noso director fíxolles entrega duns recordos e obsequios, tanto das nosas institucións como do Concello de Ponteceso. A continuación desprazáronse ao Monte Branco (panorámica), Balarés (piñeiral) e a Corme (Roncudo), para almorzar e coñecer as paraxes da nosa contorna e ao mesmo tempo repoñer forzas da sesión lúdico-cultural organizada.

Só dicir: Unha extraordinaria xornada no noso MELGA, cos futuros docentes galegos do ensino físico-educativo público ou privado!

Vista exterior do edificio de pedra do Centro Cultural MELGA, sede do Museo Etnolúdico de Galicia. Un numeroso grupo de estudantes está reunido na entrada, con varios mozos en primeiro plano posando sorrinte e facendo xestos de vitoria e polgares cara arriba. Á dereita, hai estacionado un gran autobús branco co rótulo 'Universidade de Vigo'. No tellado dun soportal á esquerda vese a figura dunha ave branca. O chan é de lastras e inclúe unha praza de aparcamento azul para persoas con mobilidade reducida.

Unha fotografía de tres homes de pé posando abrazados na recepción do museo MELGA, todos sorrindo. Á esquerda, un home calvo con barba e camiseta negra e lentes colgadas no colo; no centro, Ricardo Pérez con cabelo gris, gran bigote e chaleco de punto xeométrico; á dereita, un home de cabelo curto cun chándal gris Adidas. Detrás, un mostrador co cartel 'recepción', un cadro dun bosque de piñeiros, as portas dun ascensor e dous cadros clásicos con multitude de xente. No primeiro plano inferior dereito, asoma a roda e parte traseira dun gran coche de xoguete branco.

Fotografía do interior do museo MELGA cun grupo numeroso de mozos e mozas reunidos escoitando as explicacións do director, Ricardo Pérez. O director está ao fondo, de pé diante dun panel informativo sobre Eduardo Pondal. A maioría dos estudantes atópanse de costas á cámara, vestindo roupa informal, mentres que á dereita unha alumna escoita sentada no chan e un profesor en chándal gris observa de pé. Á esquerda, pendurada do teito, destaca unha gran buxaina de cores xunto a un panel que di 'XOGO TRADICIONAL'.

 

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.