Por quinta vez un centro escolar de Carral visita as nosas instalacións museísticas

Por segunda vez en menos dun mes (e a súa quinta ocasión en visitarnos) o CEIP Vicente Otero do concello coruñés de Carral, visitou hoxe martes día 10 de xuño-25, o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), cuxa sede se atopa no concello de Ponteceso.

Foron 61 os compoñentes do grupo de 3º curso de primaria (8 e 9 anos) que viñan acompañados das súas profesoras-titoras  Rocío Calvelo, Cristina Pedreira, Carlos Rodriguez e David Morán que representaba ao centro na visita ao noso museo. Casualmente dito profesor foi alumno do noso director na Facultade do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruaña. Tanto para os alumnos e alumnas do centro, como as profesoras, era a súa primeira visita. A visita guiada, iniciouse con atraso (debido á distancia existente entre Carral e Ponteceso), aínda que despois recuperouse prolongando o tempo. Foron ao redor das tres horas de percorrido por ambas as salas do museo.

Ao ser o grupo tan numeroso, a dirección do museo, propuxo que o grupo se dividise en dous subgrupos de 30 visitantes cada un deles. Na sala II, un dos subgrupos estivo a realizar prácticas de xogos de interior coa colaboradora-guía Vanessa Casais e o outro subgrupo na sala I, escoitando a parte teórica da man de Ricardo Pérez e Verdes director-guía do mesmo.

Despois de case unha hora en cada sala, os subgrupos rotaron de sala.

O mesmo que na xornada anterior realizada, hai escasos días co mesmo centro (aínda que estes eran de 4 º EP), Ricardo Pérez realizou para finalizar esta xornada especial, unha exhibición de bailado de diferentes buxainas, trompos, perinolas e perindolas de todo o mundo, así como unha demostración práctica co embocabolas, baleros, cocas o boliches existentes na colección privada do noso director e expostas nas vitrinas do MELGA. Esta sección final tivo un éxito moi destacable.

Sobra dicir que todos os asistentes (profesores e alumnos), quedaron “alucinados” do que se pode realizar, con dous dos xoguetes ancestrais máis representativos de todos os tempos. O grupo na súa totalidade podémolo cualificar de excelente. Non houbo premios da visita nin se logrou ningún record na sesión matinal. De todos os xeitos: Parabén a todos polo gran traballo realizado, tanto teórico como práctico!

Finalizada a visita guiada ao MELGA, os visitantes desprazáronse a Balarés (xa que o día era espléndido) para realizar un xantar campestre e a continuación visitar pola tarde, o “Ecomuseo do Forno do Forte”, no municipio oleiro de Buño, do concello de Malpica de Bergantiños.

“Un día marabilloso de excursión de final de curso! Lembrarémolo sempre!” Así se expresaban no “Libro de Visitas”, algúns dos compoñentes á visita guiada no día de hoxe.

alumnos y profes del ceip vicente otero en el museo melga

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.