Visita inesperadamente o MELGA a familia Picallo

Este sábado pola mañá, tivemos a agradable sorpresa de recibir á familia santiaguesa Picallo, no Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) en Ponteceso. Preguntaredesvos e quen é a familia Picallo? Todos lembraredes que hai máis dun mes, o 26 de maio de 2026, a Fundación Ricardo Pérez e Verdes adquiriu unha magnífica peza dunha casa de bonecas xigante (2,20m x 1,10m), deseñada e confeccionada polo médico compostelán J. Picallo, ”o médico-ebanista”, como a el lle gustaba que o identificasen, para que cada unha delas tivese a súa. En toda regra un artesán da medicina e ao mesmo tempo da madeira, compaxinando as súas dúas grandes vocacións. A que se atopa no noso poder pertencía á súa filla Ana.

Sobre as 11:00 h da mañá, presentouse no museo un grupo de persoas composto de 5 persoas, primeiro para coñecer o museo e tamén ao noso director-guía. Unha vez feitas as presentacións correspondentes, identificáronse como a familia Picallo. A sorpresa foi tan grande e emocionante por parte de Ricardo que non cría o que estaba a acontecer. A familia viña comandada pola filla maior Paz, alén de coordinar a visita ao museo. Acompañábana as súas irmás Ana, o seu fillo Aatlos e Eva. Por problemas profesionais e persoais faltaron Ruth e os seus irmáns Jaime e Pepe. Desculpáronse pola súa ausencia, pero sabemos que reunir a unha familia numerosa como esta, sempre é complicado. As procedencias destas eran residentes de Santiago de Compostela, Finlandia e Tenerife, respectivamente.

A visita guiada durou máis de dúas horas, observando todo o existente nas nosas vitrinas, pero… non sempre a dita é boa e completa. Coa ilusión que lles facía a todos poder contemplar a súa peza no museo, Ricardo tivo que informarlles que a casiña de bonecas da familia, nestes momentos, atopábase no “hospital”, realizando unha revisión das luces e algúns detalles para reparar. De todos os xeitos, como aínda se atopaban pasando as súas vacacións polas nosas terras durante todo o mes de agosto, intentariamos por todos os medios que, proximamente, se atopase visible nas nosas vitrinas expositivas. O compromiso estaba asegurado.

Despois do percorrido museístico polas instalacións do MELGA, comunicaron que nuns días regresarían de novo para facer algunhas doazóns por parte de toda a familia á Fundación. No momento oportuno daremos a información correspondente do que se trata. Unha xornada moi especial, emotiva e marabillosa en compañía de todos. Gratitude inmensa a Paz, Ana, Aatlos e Eva.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.