Visitan o Melga un grupo de sacerdotes da Costa da Morte

Onte xoves día 14 do presente mes de febreiro, un grupo de preto de 20 persoas, visitaron o MELGA de Ponteceso en xornada matinal. A visita foi moi especial e sorprendente xa que os compoñentes do grupo correspondían ao corpo de sacerdotes (curas, párrocos e capeláns) da Igrexa Católica, todos eles pertencentes ás municipios da Costa da Morte.

Devanditos membros, tiveron a amabilidade de achegarse ás nosas instalacións museísticas, despois de facer un alto no camiño nas súas actividades cristiás e parroquiais. Acompañáronnos don Jesús Antonio Belo párroco de Artes e Verdillo; don Fernando Pérez de Pazos, Talo, Langueirón, Corme Aldea, Isto, Tella e Anllóns; don José García cura de Carballo; don anuel García, cura de Buño; don Manuel Boullón cura de Laracha; Jesús Belo cura de Verdillo; don Ramón Pereira, capelán de Fonteboa; don Jesús Antelo cura de Cances, Razo, Bértoa e Oza; don José Cambón párroco de Agualada; don Jesús Alvite párroco de Rus e Anxeriz; don Jacinto Collazo cura de Larín-Arteixo e don Isolino Esmorís cura de Montemaior. Todos eles foran convocados para a devandita visita guiada, polo párroco de Ponteceso don José Manuel Varela que se convertía no anfitrión da xornada lúdico-cultural. As idades dos ilustres visitantes estaban na franxa dos 50 anos os máis novos e 85 os máis veteranos.

A excepción do organizador don José Manuel Varela de Ponteceso ningún dos sacerdotes alí presentes estivera no museo, causándolles unha gran sorpresa e admiración polo feito de contar en Ponteceso cun museo desta categoría. O director do museo fixo un breve repaso dos xogos relixiosos (que hoxe aparecen na nosa cultura), que crearon membros da Igrexa católica (tamén a protestante, anglicana, hinduista, budista,…) a través da historia universal, os seus lugares de actuación (atrios), prohibicións, regulamentos de xogos, festas patronais, etc…ademais de convidarlles a realizar algunhas prácticas de xogos galegos coñecidos, algúns esquecidos e outros descoñecidos. O reto causou efecto de grande alegría e recordos.

Todos os visitantes comentaron que regresarían de novo ao MELGA, xa que aínda non profundaran no tema pero sobre todo, non deixaron de repetir que sería moi bo e interesante asistir con todos as nenas e nenas das súas respectivas catequeses. Prometido quedou dita actividade para próximas datas. Unha xornada moi especial e “espiritual”.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.