O barrio coruñés do Castrillón e a Urbanización Soto IAR, como os últimos tempos, formulou dentro do seu programa das “Festas dos Barrios do Verán María Pita da Coruña”, un novo encontro, esta é a súa OITAVA edición, de Xogos e Deportes Tradicionais Galegos para a tarde ao aire libre, este pasado venres 22 de agosto en horario de 18:00 a 21:00 h. na praza de Pablo Iglesias, coa axuda e colaboración da Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o MELGA (Museo Etnolúdico de Galicia) de Ponteceso.
Cunha espléndida tarde asollada de verán, non como o ano pasado que nos choveu, a sesión lúdica, foi masiva por parte dos veciños do barrio e dos barrios lindeiros. Moitísimos nenos e nenas gozaron duns 20 xogos tradicionais galegos programados para a sesión lúdica-festiva. Tamén hai que destacar que devanditos nenos e mozos que viñan acompañados das súas familias, non deixaron en ningún momento de participar nos mesmos. Nalgún momento da tarde, era tal a cantidade de xente participantes que case se tiveron que realizar quendas ou “colas” en moitos dos xogos.
Este ano como novidade podemos considerar que foron “Xogos Aculturais” (trasmisión dos nosos xogos a outras culturas), xa que nos visitaron familias de diferentes países: chineses, marroquís, búlgaros, brasileiros, venezolanos, peruanos, senegaleses, polacos, etc. que gozaron como verdadeiros galegos. Entre os asistentes á xornada, atopábanse entre o público varios alumnos da facultade da Universidade da Coruña, que viñan acompañados dos seus fillos e digno destacar algúns dos nenos e nenas saudaron a Ricardo Pérez, porque se lembraban da súa visita ao museo cos seus respectivos centros escolares. Foi un momento moi especial e orgullo do noso traballo profesional!!. A impresión que levaron todos da sesión, foi excelente, segundo comentarios transmitidos á organización e ao noso director.
Non faltaron xogos como o zurriagazo, as chochas, as andas, a ra, o tirafungueir, a pesca, as chancras, etc. Como novidade desta nova edición, introducíronse o xogo do zoco e o sapo. Os xogos máis demandados e que fixeron as delicias de nenos e persoas maiores foron os da ra, o zurriagazo, buracos e as andas.
E como final de festa, por primeira vez, retouse a todos os presentes a participar, nunha competición de “carreiras de sacas con obstáculos” e a unha loita “encarnizada” da “turra da maroma”, entre pais, nais, avós/as e nenos/as de todas as idades. Os campións recibiron os seus obsequios pertinentes.
Como sempre hai que destacar ao grupo de voluntarios (persoas maiores membros da asociación) que fixeron das súas orientacións e demostracións, sacar algún que outro aplauso dos espectadores e participantes. E por suposto, resaltar o gran traballo da “alma pater”, como a do secretario da asociación Domingo Verdini, que ano tras ano, empéñase que o evento salga sempre á perfección. Tamén hai que nomear ao presidente da organización da festa Ramiro Otero, que co seu apoio fai que esta festa popular e tradicional, teña o recoñecemento que se merece. De mans do “presi” todos os participantes neste evento, regalóuselles unha camiseta como recordo da súa colaboración. Durante a entrega do material (camisetas), a todas as persoas adultas acompañantes dos participantes menores, fíxoselles entrega duns folletos divulgativos do MELGA e publicidade do noso concello, para que nos visiten.
Unha sesión lúdica, quizais a máis numerosa de todos os anos, fixo que todos os veciños do barrio, aliásense para xogar, divertirse e recrearse cos xogos do noso patrimonio lúdico e inmaterial de Galicia ao aire libre. Un gran día lúdico para todos os asistentes e organización!





Español





Leave A Comment