O CEIP de Carnota inicia hoxe no MELGA a visitas guiadas despois dun longo parón

Despois de case tres meses de ausencia de visitas guiadas por parte do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) situado en Ponteceso, por motivos abondo coñecidos da intervención cirúrxica do noso director-guía Ricardo Pérez e Verdes, hoxe por fin, aínda con precaución, inícianse as visitas guiadas co centro escolar coruñés do CEIP de CARNOTA, que ademais é a súa primeira asistencia ao noso museo pontecesán.

O grupo compoñíano unha corentena de alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de educación primaria, e viñan acompañados dos seus profesores/as titoras Sandra Castiñeira, Sonia Barja, Martiño Iglesias e María Novo, que exercía as labores de representante do centro. Como dato anecdótico, o grupo viña acompañado do hindú Wacqar Bokski, auxiliar de conversación de inglés para profesores e alumnado do centro. Quedou alucinado cos xogos e deportes galegos. A visita realizouse cun pouco de atraso, debido á distancia existente entre Carnota e Ponteceso, pero recuperouse ata as 14:00 h, alongándose así ata as tres horas, como tiñamos previsto.

Despois de pasar polo campo de xogos do Centro Cultural para admirar a “Exposición dos murais de azulexos de xogos e deportes tradicionais”, doados pola Fundación Social LAR de Cee á nosa Fundación para a súa exposición, visionado dos vídeos de “Cantamos: xogos populares” (Himno do museo) e o “Cómic-MELGA” (Visita virtual), deuse inicio á visita da primeira sala, denominada a dos xogos e deportes tradicionais de Galicia, España e o mundo. Os asistentes estiveron atentísimos a todas as explicacións que se lles daban, ademais de realizar a práctica de preto de 10 xogos galegos, tentando por todos os medios conseguir unha marca destacada, aínda que ao final non o conseguiron. Non faltaron: castelos de mazarocas e pinzas da roupa, sapo, embocabolas, buxainas, estrela, tirafungueiro, o anel, etc…

Despois dun breve descanso para coller forzas polo esforzo desenvolvido na primeira sesión, continuouse pola sala segunda para observar a liña do tempo, coa historia dos xogos e deportes desde a prehistoria ata a actualidade. Como sempre, nesta sala o que prima son as prácticas dos 15 xogos de interior, que se organizan para todos, tentando tamén facer marcas destacables, aínda que tampouco nesta ocasión foi efectiva. Iso si… o tentaron con todas as súas forzas e habilidades posibles.

Segundo palabras de moitos dos asistentes comentaban: “Buaaaa, que pasada!”, “Pasámolo xenial!”, “Como non viñeramos antes!”, “Temos que volver!”, e algúns deixaron as súas impresións no libro de visitas do museo, agradecendo a sesión lúdica realizada no día de hoxe.

Como noticiable é que mañá, xoves día 15, o CEIP de Carnota reservou outra visita para o alumnado de 3º e 4º de educación primaria, e o día 20 do presente mes, outra visita guiada para os máis “peques” (de 3 a 5 anos) de educación infantil. Con iso, nestas tres sesións, pasará polo MELGA a totalidade da colonia escolar carnotá.

Sinceramente, estamos moi orgullosos de poder facer felices a moitos nenos e nenas a través desta actividade museística. Grazas polo voso apoio e colaboración.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.