Se onte mércores recibiamos por primeira vez a un grupo de corenta alumnos/as de 4º-5º e 6º de educación primaria do centro carnotán, hoxe xoves día 15 do presente mes de maio temos a gran sorte de que nos visite, en día consecutivo, o mesmo centro docente do CEIP de Carnota, pero nesta ocasión con 45 compoñentes de 2º e 3º de educación primaria, que viñan acompañados dos súas titoras María Espasandín, Laura Noya, Loly Pérez, Cristina Trillo e Esther Vázquez (que era a coordinadora e representante do centro na visita). Tamén acompañaba ao grupo Eva Pedrosa como coidadora.
A visita guiada levada a cabo co grupo foi co ritmo que pretendemos sempre na nosa programación e organización para centros escolares, nos seus niveis correspondentes. Pasaron a totalidade de visitantes pola exposición de murais, visionaron os vídeos e a continuación visitaron a sala I, un pequeno descanso tentempie e finalmente a sala II. A duración achegouse ás tres horas de percorrido polo museo.
Un grupo moi receptivo, con moito interese en coñecer o noso Patrimonio Lúdico e Inmaterial da nosa querida Galicia, así como os xogos e deportes doutras culturas. O mesmo que onte, tentaron facer algunha marca destacable pero… non puido ser. Pero si, houbo entrega de premios para os nenos do grupo: Gabriel Senande e Matteo Ravelli ambolos dous con 9 anos de idade. A dirección do museo fixo entrega de sendos xogos tradicionais, a estos nenos pola participación e interese que mostraron no percorrido das salas e para que se iniciaran no coleccionismo.
Aínda sendo dous grupos de niveis diferentes, de 7 e 8 anos de idade, non existiu moita desigualdade para a práctica dos diferentes xogos programados. Onte en cambio, era sen dúbida notable, pois os alumnos/as de 6º Educación Primaria, (11-12 anos), sobre todo nos xogos de forza, había moita descompensación cos de 4º de Educación Primaria (9 anos).
Outra xornada moi interesante e xa estamos a esperar ao terceiro grupo, para o martes día 20 do presente mes de maio e con eles, finiquitamos a visita global de todo o centro escolar. Ao Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) en Ponteceso.
Leave A Comment