Exitosa xornada do MELGA sobre xogos tradicionais de interior nun marco coruñés incomparable

Con motivo da celebración do “International Games Month” (O mes internacional dos Xogos), na súa primeira edición, que se realiza durante todos o sábado de novembro en xornada matinal, esta fin de semana pasada a Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), foron convidados para organizar e programar unha sesión sobre os Xogos Tradicionais de Interior de Galicia como do mundo, nas súas versións de xogos taboleiro, enxeño, habilidade como de xogos motrices.

O lugar do encontro lúdico foi no marco incomparable da Biblioteca Municipal, antiga Arquivo de Estudos Locais da Coruña e Delegación de Facenda, situada na coruñesa rúa Durán Loriga, inaugurada en 1991, foi o primeiro centro do Sistema Municipal de Bibliotecas, especializada en literatura infantil e xuvenil.

Na primeira sesión (04/11/23), desenvolveuse unha mesa redonda cuxo título foi “Artesanía e creatividade galega no mundo do xogo”, que trataron os diversos artesáns galegos sobre a súa profesión específica sobre os xogos creativos. No segundo encontro (11/11/23) programouse un “Roteiro sobre as Tendas do Barrio da man de tendas especializadas en xogos”. Na terceira xornada (18/11/23) que correspondeu ás nosas entidades sinaladas, baixo a título de “Xogamos ao Grande”, en dito devandito edificio histórico, no seu atrio central e iluminados dunha cúpula cunha preciosa vidreira, situáronse os 25 xogos planificados para esta sesión tan especial. Tamén, pero neste caso na propia biblioteca, a coruñesa “Asociación Draco” realizou unha práctica sobre xogos actuais de mesa, rol e miniaturas.

A sesión lúdica tivo un horario matinal entre a franxa das 10:00h. ata as 14:00 h. As catro horas dedicadas á sesión, tivo unha afluencia de público moi numerosa durante toda a mañá, pois aínda sabendo que era un día de descanso familiar (sábado), puntualmente ás 10,00h., cando se abriron as portas do recinto, xa tiñamos entusiastas e visitantes para participar da mesma. E así durante toda a mañá, entrando e saíndo persoas do local e como era de supoñer, os participantes foron na súa maioría familias ao completo con nenos e nenas de curta e mediana idade e que estaban acompañados de avós, nais, pais, irmáns, amigos,… pero tamén, por  profesores e profesoras cos seus fillos que estiveran no MELGA, exalumnos/as do noso director, etc…, por moitos visitantes interesados na temática exposta e algún que outros “descoidados” turistas anglosaxóns, que pasaban por alí, e compracéronse dos nosos xogos tradicionais, realizando varias prácticas deles.

Debemos comentar, que foi tan grande o entusiasmo na devandita sesión lúdica, que houbo momentos que, Ricardo Pérez e Verdes director do MELGA non daba abasto, entre as explicacións e práctica dos xogos, entrega de folletos, o interese en realizar unha visita guiada en Ponteceso, os horarios do mesmo, a prensa escrita e oral, etc. para dar solucións a todos que as precisaban.

Un acto inmensamente satisfactorio, moito público e un éxito rotundo en organización e participación. Hai que comentar que recibimos moitas felicitacións de persoas asistentes, así como da dirección e técnicos da biblioteca. Un encontro interxeracional de primeiro nivel.

Só quédanos convidar, outra ocasión máis, a todas aquelas persoas que o desexen, que a cuarta e última sesión (25/11/23), será sen dúbida outro día para gozar a lume de biqueira coas nosas familias nos “Xogos pequenos” para nenos entre os 2 e os 4 anos e ademais contarase cun espazo dedicado ao xogo e lectura: Bibliolab. Se non queredes arrepentirvos, por favor, asistir a esta clausura do “International Games Month” (Mes Internacional dos Xogos), xa que estamos seguros, que vos merecerá a pena. Debido ao éxito obtido, a organización xa está a preparar a segunda edición para o ano 2024.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.