Por primeira vez, a Asociación Xuvenil Xiradela visita o Melga

Onte domingo día 12 de novembro, a Asociación Xuvenil Xiradela do veciño concello de Arteixo (A Coruña), desprazáronse a Ponteceso, con case corenta dos seus asociados, para realizar unha sesión guiada ao Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), en xornada matinal. A expedición viña acompañada da súa coordinadora Alba Pombo e o grupo era moi heteroxéneo con persoas adultas e nenos/as e mozas de diferentes idades. Con máis de tres horas de visita guiada polas salas do museo, da man do seu guía oficial, a sesión interrompeuse para asistir ás exposicións organizadas para o Día do Peón-2017, e alí poder gozar das coleccións privadas de Charo Español , Ángeles Lence e o noso director sobre peonzas, trompos, perinolas e perindolas do mundo, así como gravados, pinturas, esculturas e unha selección bibliográfica numerosa destes enxeñosos artefactos giratorios. Ademais participaron de lecturas de diversos autores, que dedicaron nalgúns dos seus textos  referencias a este xogo ancestral e practicaron “in situ” con algunhas peonzas orixinais da propia exposición. Finalmente  entoaron o refrán da canción “Coma ou trompo” do grupo Ourensóns e o seu representante leu o Manifesto do Día do Peón-17 de Mercedes Queixas Zas que nos regalou dun extraordinario pregón, para esta ocasión.

Unha xornada moi variada, onde as expectativas do grupo foron superadas con fartura. Todos os visitantes agradeceron con intensa insistencia á dirección do centro, a gran matinal que gozaran, tanto a nivel cultural, lúdico e intelectual.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.