O CEIP Ramón de la Sagra visítanos por segundo ano consecutivo

Por estas datas o ano pasado (2023), este centro docente coruñés visitounos por primeira vez, despois de moitos intentos para achegarse ata o noso Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA). Por fin, hoxe venres, día 14 de xuño de 2024, chegaron de novo en segunda ocasión para realizar outra visita guiada! Un grupo de medio centenar de alumnos e alumnas do centro docente CEIP Ramón de la Sagra da Coruña, un referente no sistema educativo coruñés de primeiro nivel, pisaron por segunda vez, dous grupos de segundo de primaria (A e B), con idades de 7 e 8 anos. Acompañábanlles os seus profesores-titores Isabel Vázquez, David Guiu e Carmen Castro.

Como anécdota reseñable, podemos comentar que o devandito centro público docente foi pioneiro na Coruña en levar o patrimonio lúdico aos seus patios de recreo, xa que os alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física (INEF-Galicia), onde impartía clases como profesor Ricardo Pérez y Verdes, realizaron durante varios anos, a través dun convenio entre a Universidade e a Consellería de Educación, as súas prácticas docentes de Xogos e Deportes Tradicionais. Con todo, non viñeran nunca ao museo ata o ano pasado.

Pouco máis de dúas horas durou a visita guiada, onde todos os discentes que nos visitaron eran netamente e altamente competitivos, xa que só “participar” non lles satisfacía. Todos os xogos planificados para a sesión tiveron que repetirse en varias ocasións xa que uns a outros se desafiaban e retaban permanentemente. O tempo dispoñible pareceulles moi xusto, segundo a opinión xeral, pois ben, a segunda sala do museo apenas “se viu e non se viu” cun paso rápido por ela.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.